Sempre gustei da xente sinxela. Da que non ten dobreces. Da que actúa tal como é, sente ou pensa sen importar quen o estea a escoitar. Porque a educación vai por diante, e sabe que con ela non ofende a ninguén. Préstame a integridade así. Quizais por iso me gustou sempre o xuíz José Castro. Por falar claro, sen agochos, coa maior discreción, pero coa verdade e congruencia ante todo.
Non buscaba a notoriedade, notábaselle nas respostas curtas, directas e concisas que lle facía a prensa. Xamais demorou un segundo innecesario ante os micros. Sempre a faciana tranquila, e o sorriso comedido nos beizos. Non se ría de ninguén, tan só era amable.
Esa medida da discreción e naturalidade exactas para saber que fala de maneira transparente. Cos ollos estaba a dicirnos que el só fixo o que tiña que facer, igual que obraría en calquera outro caso, exactamente como estivera exercendo ata ese momento.
Chegaba ao seu lugar de traballo nunha discreta moto. Respondía. Entraba ao momento. Tiña moito que facer. Por iso pretendía retrasar a xubilación. Porque lle gustaría rematar os casos que iniciara. Eu enténdoo.
Din que a xente lle aplaude. E non me estraña. Por sinxelo. Por achegarse á realidade, e por non deixar que ninguén o cambie. Porque antes ca xuíz é persoa, coma vostede e coma min. Por iso se sente estafado ao dicirlle que Facenda, parece ser, só somos algúns.
O mundo debía estar cheo de persoas como José Castro, incapaces de incumprir co seu traballo, ou de antepoñer nada á integridade persoal.