Xaneiro custa

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

13 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou xa a temida costa de xaneiro. Comezamos o 2016 de maneira intensa. Non damos feito a tanta novidade. Cataluña polo seu lado. De verdade que non sei moi ben que é o que queren. Hai partidos e candidatos que me teñen desconcertada, polo que dixeron e agora din, con comentarios que parecen imposibles de pronunciar pola mesma persoa. Todo o que está a acontecer e como se suceden os feitos, é para min unha sorpresa. E todo isto, por suposto, co país en crise. Din os entendidos que hai un problema moi grande, porque o PP está en crise, o PSOE está en crise. E os novos partidos, en crise tamén, tanto os que agardaban máis votos e quedaron a medio camiño, como os que xa daban por perdidos e rexurdiron.

Non esquezan, por favor, o horizonte, porque hai días que non escoito falar «do noso». Ou sexa, do paro, o que nos preocupa realmente no país. Porque seguimos vivindo unha situación económica delicada. Por se fose pouco o que pasa na semana, empeza o xuízo polo caso Nóos. Xamais vin un banco de acusados con tanta xente. Semellaba un equipo de fútbol ao completo, con titulares e suplentes. E o máis importante de todo, señores, é que o tan usado «Facenda somos todos», resulta que non é tan certo, pois tan só se trata dun slogan, dun lema. Que? Permítanme que quede fría neste xaneiro tan estraño e complicado. Como me custa asumir certos días... Fanme sentir medo.