A gran coalición imposible

Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

29 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Establishment é unha denominación inglesa asentada nos anos cincuenta do século pasado para definir o sistema de poder económico e social das clases altas británicas. Un sistema capaz de influír até finais dos anos sesenta na denominada maioría silenciosa e de evitar aventuras socializantes dun laborismo virado á esquerda. Non por casualidade a actualizada definición de Establishment de Owen Jones (2014) tivo un éxito inmediato traducida en España como casta. Dende que o bipartidismo virou en risco o Establishment empezou a alentar aquí a idea dunha grande coalición entre o PP e PSOE. A idea foi tan mal acollida pola opinión pública en xeral e polas bases e os actuais dirixentes socialistas que axiña foi desbotada e agochada, ao intuírse o demoledor efecto electoral que tería para o PSOE.

A expansión de Ciudadanos dende Cataluña ao resto do Estado, con voadura de UPyD incluída, foi a vía para compensar e partillar na medida do posible o efecto Podemos que arrincara nas europeas do ano pasado. Tamén era a única vía para abrirlle o camiño a outra posibilidade que estivo a piques de materializarse: o primeiro Goberno de coalición na carreira de San Xerome. Todo o proceso foi demoscopicamente meteórico até que o día 20 votou a xente. Aí parouse o carro porque os resultados non deron para un Goberno de PP-Ciudadanos e as dereitas nacionalistas non favorecerán un pacto ultracentralista. Na campaña electoral Ciudadanos foi revelado polos seus contendentes como unha dereita, nova pero dereita, evidenciou que os políticos non se improvisan, que o xacobinismo recentralizador non é atractivo en España e que un programa neste Estado plurinacional non poden facelo catro ilustrados nun gabinete da Castellana sen que se note. En moito tempo non volveremos escoitar esa fatada de que as campañas electorais non serven para nada.

O día 20 rachou o bipartidismo, pero ademais dividiuse unha dereita que seguía sendo frontista dende 1977. Por iso xa só hai unha solución dende o punto de vista dese Establishment que en España se identifica co palco do Bernabeu: volver á idea dun Goberno de grande coalición PP-PSOE. A preparación artilleira con ondas hertzianas, raios catódicos e vella imprenta que estamos a vivir nestes días busca acometer esa opción. Será mellor que o pensen ben os bempensantes porque o PSOE non é o Pasok, é mais antigo, ten máis raíces e moito máis arraigo cultural, pero pode acabar coma aquel se é conducido ao matadoiro dun Goberno co PP. A outra opción: favorecer un Goberno do PP levaríao a perder dous millóns de votos e quedar por detrás das outras forzas da esquerda e nacionalistas.

A grande coalición é posible en Alemaña ou en Italia, pero por iso mesmo é imposible en España. Os nacionalismos unificadores que crearon ambos Estados no século XIX teñen pouco ou nada que ver con España. Tampouco a cultura nacional francesa, inspiradora dos nacionalismos alemán e italiano, non deu para a grande coalición nin na época da Resistencia contra os nazis, só para pactar hoxe en segunda volta contra os inimigos da República. Italia e Alemaña sufriron o fascismo e a súa derrota en 1945. En España gañou a guerra ese fascismo en 1939. Todo isto é historia presente. Moito máis que os Reis Católicos. Non si?