O 11 de xullo de 1977 o presidente Suárez reuniu por primeira vez o Consello de Ministros. Dous días despois constituíanse as novas Cortes, e Fernando Álvarez de Miranda e Antonio Fontán Pérez foron elixidos presidentes do Congreso e o Senado.
Álvarez de Miranda fora membro do Consello Privado de don Juan de Borbón e do Grupo Tácito -creador de opinión nos xornais da Editorial Católica-, e ingresara na UCD co Partido Demócrata Cristián. Recentemente, con 91 anos, publicou un libro de memorias.
Antonio Fontán, numerario do Opus Dei, dirixía o xornal Madrid en 1971, cando o pechou o Réxime. Tamén foi membro do Consello Privado de don Juan, e chegou á UCD co Partido Demócrata Cristián.
Pero antes, o 15 de xuño, don Juan Carlos nomeara a Antonio Hernández Gil presidente das Cortes, en substitución de Torcuato Fernández Miranda. A súa misión sería exercer a máxima autoridade no proceso de elaboración da Constitución, presidindo a Comisión Mixta Congreso-Senado.
En 1986, sendo presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial, sufriu un atentado de ETA, do que saíu ileso. Ao paso do seu coche, os terroristas activaron varios artefactos explosivos que deixaran nun vehículo estacionado, pero non explotaron.