Piñeiro e Mitxelena

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

14 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Do 10 ao 11 de decembro tivo lugar en Santiago un congreso, organizado polo Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Centro Ramón Piñeiro, no que intelectuais vascos, cataláns e galegos celebraron o centenario do nacemento de Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena, figuras senlleiras das culturas vasca e galega. As semellanzas entre estes dous grandes homes van mais aló da coincidencia no ano do nacemento. A amizade que os uniu desde a mocidade acrecentouse nos anos compartidos nos cárceres franquistas e prolongouse ao longo de toda a súa vida. Pero foi a súa entrega a un ideal, ao labor de dignificar e consolidar a identidade dos seus respectivos países, o que definitivamente selou unha amizade que foi frutífera para ambos.

Os dous xogaron papeis importantes na resistencia contra o réxime franquista e na elaboración posterior das autonomías. Koldo Mitxelena, que se dedicou sobre todo á lingüística, contribuíu de modo decisivo á recuperación da lingua vasca. Ramón Piñeiro centrou o seu labor no desenvolvemento e difusión da cultura e da identidade galega a través da edición de libros en lingua galega.

Estas xornadas demostraron unha vez máis, a través desas dúas figuras exemplares, a importancia da cultura no desenvolvemento e engrandecemento dos pobos, algo que, por desgraza, algúns gobernos parecen ignorar.