Neira Vilas na lembranza

Carlos G. Reigosa
Carlos G. Reigosa QUERIDO MUNDO

OPINIÓN

30 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Era dos bos e xenerosos. Foino sempre. Xosé Neira Vilas, que acaba de morrer, atinou a deixarnos unha obra literaria inesquecible, chea de sensibilidade e de humor; unha obra aínda moito máis profunda do que aparentaba. Desde Memorias dun neno labrego (1961) ata Aqueles anos do Moncho (1980) corre un río propio, enxebre e comunal, cheo de saberes profundos que o retratan a el e que nos retratan a nós, é dicir, que son espellos da nosa comunidade. Historias de tenrura, ledicia e tamén dor, xaora.

Aínda que el aseguraba que os tempos cambiaran e que xa non había Lalos nin Balbinos, sabía que a historia social -a de hoxe- mantén aínda, baixo outras formas, algo daqueles vellos e doentes desequilibrios sociais. A propia crise da que estamos a saír revelóunolo así, dramaticamente. Por iso os rapaces de hoxe entenden aínda tan ben ao pobre Balbino, ser benquerido que espertaba e aínda esperta o noso berro solidario.

Neira Vilas e máis eu collémonos cariño nada máis coñecérmonos (ía na súa forma de ser) e mantivemos con frecuencia encontros e longas conversas telefónicas. Colaborei no seu libro sobre Laxeiro e nalgúns outros inventos. Falamos dos seus anos mozos na Arxentina (1949-1961) e dos posteriores en Cuba, moitas veces en presenza da súa dona (e dona do seu corazón), a escritora cubana Anisia Miranda, finada hai sete anos. E non falabamos de Fidel Castro, iso non, para non perdernos nalgún desacordo.

A biografía de Neira Vilas está chea de historias e de relacións privilexiadas nos mundos culturais arxentino e cubano, ambos os dous recheos de presenzas galegas de primeira fila, das que el formou parte. Mais, no caso do autor nacido en Gres (onde nos queda a súa fundación), a idea de Galicia e da súa lingua non se debilitou nunca nin esmoreceu co paso do tempo. Ao contrario, Neira Vilas mantívose sempre fiel ás orixes, sempre en Galicia, sen outro norte ou anceio vital que o propio regreso á súa terra. E desde que volveu, a paixón pola memoria do vivido levouno a incorporar esa lembranza ao saber de Galicia, contribuíndo así a restaurar a unidade dunha cultura dividida e esnaquizada desde a Guerra Civil. Todo isto lle debemos ao bo e xeneroso Neira Vilas.