O noso Bataclan

Valentín García Gómez DE COTÍO

OPINIÓN

O Bataclan foi tamén, entre outras moitas actividades, sala de baile habitual para os nosos emigrantes en París. Estreou programación española o 1 de novembro de 1970. Meus pais, trasterrados á Cidade da Luz, igual ca milleiros de paisanos, acudían a Bataclan algún sábado pola noite e en datas sinaladas coma fin de ano. Bailaban pasodobres e aplaudían as actuacións de Antonio Molina, Manolo Escobar, El Fari, Luis Lucena, Luis Aguilé, Mary Santpere ou Ana Kiro. Mesmo moitas veces contaron coa presenza na sala da locutora M. Matilde Almendros, condutora do programa España para los españoles. Unha voz que acompañaba as longas noites nas pensións repasando cartas e retratos; nenos e vellos diante do hórreo cheo de millo ou do palleiro ben rematado. Feridos de nostalxia por dentro, rexos por fóra, eran o mellor da mocidade do seu tempo con sona de xente honrada a costa de traballar duro, adaptándose ao que fose e sen fachendear nunca, nin sequera cando Un canto a Galicia, foi éxito musical en toda Francia. A canción poñíaos no mapa, e por riba no galego de Julio Iglesias!

Na Bataclan compartillaban nostalxias, revivían lembranzas e esquecían, por unhas horas, os andamios da construción, as cadeas das grandes fábricas, a hostalería ou o traballo doméstico. París era a cidade que nunca viran, transitábana entre o asombro e as ansias de prosperar, de poder darlle un futuro mellor aos fillos. Na Bataclán falaban no seu, en galego, ata cos porteiros e os camareiros. Aquel ambiente propiciou moitos matrimonios que no mes de agosto adquirían estatus canónico nas pequenas igrexas das parroquiais de Galicia. Realizaban parte dos soños. Fóra, todo era sacrifico, entrega teimuda ao traballo, desarraigo.

Aos fillos daquela xeración, hoxe na súa meirande parte retornada, Francia deunos a oportunidade de coñecer un dos grandes países da civilización occidental. Alí descubrimos Europa e tivemos os referentes de progreso, tolerancia e liberdade que daquela faltaban aquí. Alí naceu o propósito de formarnos para un día chegar nós tamén a valores e logros semellantes.

Intento sempre transmitirlles aos meus fillos o moito que na nosa familia lles debemos a Francia e aos franceses. Gustaríame que neles pervivise o agradecemento ao Grandeur dunha nación chea de xentes amigas que nos gusta visitar e que acolleu milleiros de galegos e españois, portugueses, italianos, gregos e non digamos árabes, emigrantes que conviviron en harmonía en fábricas e pousadas sen máis obriga que arranxar uns papeis polos que concedían un benestar social que na súa terra non tiñan.

Agora teremos que explicarlles algo que non imaxinabamos, nin meus pais nin a miña muller Dolores nin eu mesmo. Dirémoslle que nese país onde traballaron seus avós, prendeu a xenreira e o fanatismo relixioso, a barbarie que asasina inocentes. Todo isto 45 anos despois de que meus pais, igual que milleiros de paisanos, bailasen ledos pasodobres na Bataclan.

Son moitos os que teñen estes días o corazón encollido, aínda que non o digan nin o escriban en sitio ningún. Lévano dentro.