É a política, idiotas!

Álvaro Xosé López Mira

OPINIÓN

Tomo prestado o título dun recomendable libro do meu colega politólogo catalán Quim Brugué porque é a única maneira de desfacer o bucle no que se ten convertido a xa centenariamente denominada cuestión catalá, posto que o único xeito de solucionar un problema político é tratalo mediante a Política con maiúsculas. Que un Goberno de «avogados do Estado» pense que o vai solventar mediante a imposición de leis feitas a medida demostra unha falta de visión histórica e unha carencia de sentido político, e tamén de sentido común, extraordinarias e o único que conseguirá con normas que só benefician aos que xogan en casa, como a recente unilateral reforma do Tribunal Constitucional, é aumentar a brecha, que se incrementará con cada renovación xeracional o que acabará convertendo a independencia de Cataluña nun destino inelutable que só demorará algo máis ou algo menos no tempo.

Desde 1978 o modelo territorial español é un problema político que se pretendeu resolver mediante o denominado Estado das Autonomías para dar satisfacción á reivindicación política das nacións ou nacionalidades históricas e, singularmente, Cataluña e o País Vasco, constantemente avalada de modo democrático por cadanseus electorados (como así xa fora antes da ditadura franquista). Corenta anos despois, esa pulsión de protagonismo político propio mantense, o que proclama a obsolescencia, alomenos parcial, do modelo autonómico, pero nestes intres non existe suficiente altura de miras para entablar unha negociación política de alcance que evite que partidos centrais durante décadas do sistema político-partidista español oscilen dubitativamente cara aos extremos.

Sinais de alerta políticas e técnicas non faltaron. Ausencia de recoñecemento dunha innegable plurinacionalidade, non só cultural, que o Estado español se empeña en deostar cando pode ser unha virtude, o que leva a moitos a sentirse incómodos con ese corsé. Desde unha visión centralista que desdeña calquera diverxencia do uniformismo exclusivista e, xa que logo, pouco sincera coa descentralización política establecida na Constitución, non se dotou ao sistema político español dos mecanismos de integración institucional propios do federalismo: por exemplo, un Tribunal Constitucional que non fose sempre árbitro parcial e recentralizador, posto que os seus membros son designados só por órganos centrais do Estado, a diferenza do seu homólogo alemán; un poder xudicial absolutamente centralizado, en contraposición a calquera modelo federal; unha Cámara Alta que nin ten funcións propias das mesmas, nin representa a quen di representar -os territorios-, o que só acontece no peculiar caso español, por iso fálase da necesaria reforma do Senado desde que naceu, mais todo segue igual. Negación, en última instancia e por abreviar, sen alternativas (as que debe haber en toda negociación) de lexítimos instrumentos democráticos para a cidadanía como en Canadá, Bélxica ou o Reino Unido. E resulta difícil negar que tan lexítimo coma opinable é que os galegos queiramos cada día menos galeguidade coma que os cataláns prefiran máis catalanidade, ou non? As consecuencias de tantos erros estanse a ver agora pero, o que aínda é máis grave, non parece haber a menor intención de rectificalos, malia que o momento para necesarias reformas de suficiente calibre non pode ser máis propicio para a vontade democrática.

Álvaro Xosé López Mira (Profesor de Ciencia Política da Universidade de Vigo)