Traballar o Estado

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

04 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A habilidade política de Adolfo Suárez e dos seus asesores, moi especialmente Torcuato Fernández Miranda, permitiu entre 1976 e 1978, na apertada marxe de apenas dous anos, primeiro, o desartellamento dende dentro das Cortes da ditadura franquista, autoinmoladas (segundo a terminoloxía de algúns) na Lei para a Reforma Política do 15 de decembro de 1976, e, segundo, a elaboración da Constitución de 1978, previa convocatoria de eleccións constituíntes en xuño de 1977, e previa legalización do Partido Comunista (9 de abril dese ano), o que significaba a incorporación maioritaria da esquerda antifranquista ao novo proxecto que comezaba. Complementariamente, e en paralelo, estaban os contactos co nacionalismo vasco e catalán, que viñan de tempo atrás, e mesmo co galeguismo (Ramón Piñeiro, Valentín Paz Andrade), este último sen a fortaleza de dispoñer de institucións representativas no exilio, mais coa lexitimidade de ter refrendado o Estatuto de Autonomía na Segunda República, igual que os outros dous. Eran as nacionalidades históricas.

A crónica dos acontecementos está nas hemerotecas. Dende dentro, e axustándose ao marco de posibilidades que a legalidade permitía, saímos dun réxime de ditadura e entramos no período democrático máis longo e estable da nosa historia contemporánea. Non sen contradicións. Dirán algúns que con moitas concesións, frustracións e sacrificios, e abofé que os houbo. A ruptura que promovía a esquerda antifranquista converteuse en reforma, o que significaba darlle tamén unha saída ás forzas (e intereses) do anterior réxime. Non hai solución sen pactos. Daquela acuñouse a palabra consenso.

¿Cal é a situación actual? En certo modo, parecida. Non hai cambio posible (a transformación do Estado) sen un pacto necesario, e sen a legalidade (tamén necesaria) que facilite e lexitime ese pacto: un novo acordo para ver de reconstruír as relacións que permitan un paso cara adiante no modelo de convivencia (reforma constitucional), modelo que dende hai tempo pide actualizacións obxectivas, consonte os novos tempos e as novas realidades, que non son as de 1978. Os medos que poden existir hoxe tamén existían entón. Non eran menores as dificultades (o terrorismo etarra, as actuacións da extrema dereita, as presións do exército vitorioso da guerra civil, a crise económica). Mais a intelixencia política das partes, case que diríamos o instinto de supervivencia, xunto coa madurez da sociedade, permitiron a construción dun modelo que, mesmo coas súas contradicións, repito, estabilizou a convivencia durante case catro décadas e instalou a sociedade española, no seu conxunto, en cotas de benestar social sen precedentes.

Non se trata de reproducir procesos, mais algunha lección podemos tirar deles. O argumento da ilegalidade, ademais de simplón, descualifícase de seu. A legalidade tamén se constrúe (democraticamente) se hai vontade de facelo. As eleccións convocadas para o 20 de decembro abren, sen dúbida, un novo tempo no que haberá que saber xogar, con intelixencia e sentido de futuro.