Alfonso Osorio levaba tempo tentando unir os numerosos grupos da democracia cristiá e convencer a Suárez da necesidade de crear, canto antes, un partido para presentarse ás primeiras eleccións. A fusión fracasou porque Gil Robles non aceptaba a compaña de ministros franquistas, polas distintas actitudes ante o PCE, e polo personalismo dos líderes. En canto a Suárez, nunca considerou urxente, nin quizais conveniente, a creación dun partido propio no que a base fose demócrata-cristiá. Un día espetoulle ao seu vicepresidente: «Me ha dicho recientemente un amigo mío que tengo que tener cuidado contigo porque me puedes hacer la pirula; que todos tus intentos para unir a las fuerzas políticas afines no tienen otro objetivo que tener tu propio partido político, para jugar al margen mío después de las elecciones».
A Unión de Centro Democrático (UCD) constituíuse con demócrata-cristiáns, socialdemócratas, liberais, falanxistas evolucionados e partidos rexionais. O único rival de Suárez era Areilza, líder do Partido Popular, que aspiraba a substituílo; pero nunha hábil manobra deixouno fóra do xogo. O seguinte problema foi contentar a todos coas listas de candidatos. Rematáronse pouco antes da hora límite para a presentación.