A legalización do PCE e a forma de facela só se entende pola personalidade de Adolfo Suárez, máis audaz e valente que político. Pode que para legalizar o PCE antes das eleccións non tivese outra opción que a tomada, pero levouna adiante coa axuda de Gutiérrez Mellado e Landelino Lavilla -que non foron absolutamente claros nas súas reunións cos mandos militares e os xuíces-, e deixando que os máis dos ministros coñecesen a noticia polos medios de comunicación.
Tense falado moito do perigo que correu a transición pola crispación no Exército, e moi pouco do perigo que supuxo o intento de dimisión de varios ministros. O 13 de abril, o titular de Facenda, Eduardo Carriles, anuncioulle ao vicepresidente Alfonso Osorio que el e outros ministros ían dimitir. Osorio respondeulle:
-Eduardo, te prometo que después de las elecciones yo me voy contigo, pero ahora es necesario «aguantar» porque si a la dimisión de Gabriel Pita se suma la de dos, tres o cuatro ministros civiles, colocamos al rey en un gravísimo aprieto, quizá en una situación imposible.
Aquela tarde, un Suárez nerviosísimo pedíalle a Osorio que tentase frear a dimisión dos ministros, ou fose pensando nos posíbeis substitutos.