É innegábel que a presenza de deputadas e deputados nacionalistas (BNG) nas Cortes Xerais do Estado nestes últimos 20 anos, fixo posíbel non só que Galiza se visualizase como identidade nacional nos debates do Congreso, senón que se levaron á Cámara Baixa os problemas, as cuestións e as necesidades dos galegos e das galegas. De tal xeito que ao albur dos debates xerados, e grazas á iniciativa do nacionalismo galego, téñense acadado acordos beneficiosos para os nosos sectores produtivos e sociais, e que redundan na nosa xente.
Até tal punto isto é indiscutíbel que incluso os medios de comunicación recoñecen implicitamente esta evidencia cando teñen publicitado titulares como: «Chega o momento de Galiza co turno do BNG».
Hai realidades como esta que resultan irrefutábeis. Como irrefutábel é a necesidade e a urxencia de facer que esa presenza, hoxe personificada en dúas deputadas, esténdase até se converter nun grupo parlamentar que faga posíbel que Galiza non fique excluída dos grandes debates que con toda seguridade se van producir na próxima lexislatura.
Un grupo parlamentario contribuirá a magnificar a presenza de Galiza, reportando importantes avantaxes en varias direccións. Contribuiría a acadar unha posición máis forte á hora de defender a recuperación do Estado de benestar, cercenado polas agresivas políticas de recurtes do Goberno do PP que tanto aumentou a brecha da desigualdade social nestes catro anos. Unha política destrutiva para os dereitos laborais, económicos, sociais, sanitarios, educativos, ou mesmo para os dereitos fundamentais. Unha tarefa importante sería a recuperación do Goberno para o pobo.
É algo fundamental: desde un grupo parlamentario galego pódese garantir a presenza ineludíbel de Galiza, da súa identidade nacional no debate sobre o modelo territorial, un debate cada vez máis presente, do que non podemos quedar excluídos os galegos e as galegas, e que precisa unha voz forte, audíbel e galega nas Cortes do Estado.
A defensa das políticas sociais e económicas centradas no benestar da cidadanía pode estar presente nas voces doutros grupos, máis nunca terán como eixe fulcral a defensa de Galiza e da súa cuestión identitaria. Para iso precísase consciencia identitaria galega, unha consciencia que con total garantía emanaría dun grupo parlamentar propio, que anteporá os intereses de Galiza a calesquera outra cuestión, e impedirá que o noso país fique ausente dos acordos que se acaden andando o tempo en relación ao modelo territorial. De non estarmos nese histórico momento, os galegos e as galegas padeceríamos as consecuencias negativas da ausencia.
Ficar Galiza relegada de acordos que impliquen maiores cotas de autogoberno para as nacións que compoñen o Estado, suporá unha rémora para o desenvolvemento do noso territorio, do que de seguro nos lamentaríamos.
E qué dicir dos nosos sinais de identidade? Da nosa cultura e a nosa lingua tan necesitada de agarimos e folgos para non decaer aínda máis no seu desuso? Non podemos confiar en deixar tesouros tan valiosos noutras mans que non sexan as nosas, mentres vascos e cataláns progresan no seu recoñecemento.
Debemos ser conscientes de todo isto e prepararnos coa mirada posta no futuro. As eleccións xerais de decembro non son unha convocatoria eleitoral calquera, é un momento decisivo no que debemos estar como galegos e galegas.
As forzas que precisa Galiza son as de todos os galegos e galegas, bos e xenerosos, que non queren que o país esmoreza na historia dos tempos. Ben é certo que vivimos un momento político e económico que require da unidade de todos para procurar un cambio de sistema en aras a un mundo mellor, máis ese grande esforzo de unidade que debemos facer non pode deixar para outra ocasión a defensa do país. Corremos o risco de pór en perigo a nosa propia subsistencia como pobo e como nación.
Urxe pois que na diversidade ideolóxica e política que existe no país se concite unha grande unidade que desde a súa pluralidade sexa coincidente na defensa do recoñecemento da realidade nacional de Galiza, da xustiza social e do benestar de galegos e galegas, e claramente posicionados contra as desfeitas provocadas polas políticas neoliberais.