Mareada

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

18 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Veña, vale. Xa que tanto rogades, vai: eu tamén me postulo para encabezar a lista da Marea Galega. Entendo que, se tanto vos dá Beiras coma calquera outro, tampouco vos importará que faga valer a miña sabedoría política de escritora utópica con nula experiencia en xestión e en actividade parlamentaria. Veña, que se vos note que sodes así de abertos e plurais, e empezade a agradecerme que poña de verdade o punto de vista nunha cidadá relativamente corrente. ¿Pero a que esperades para preguntarme o meu proxecto político e a miña proposta para a defensa dos intereses de Galicia no Parlamento? Eu, a verdade, pensaba que, xa que dicides que Beiras é só un máis, será porque aquí fóra hai unha morea de persoas que estamos dispostas e somos capaces de igualar a súa capacidade política.

Eu, crédeme, tamén teño un país na cabeza. Quizais non se me note, pero aí o está, cos seus portos exteriores e a súa organización do territorio. Tende fe en min e deixádeme ir aí, que vos prometo que eu, por poder, podo o que me poñan, sen Podemos, claro. Ou con Podemos, se non queda máis remedio, porque o país que temos na cabeza Beiras e máis eu atura as flores dun día se fai falla. Claro que eu tamén poño as miñas condicións: por favor, que isto deixe de parecerse dunha santa vez a aquela escena d?A vida de Brian na que a Fronte Popular de Xudea conspiraba contra a Fronte Xudaica Popular e deixaban comendo só ao único militante da Unión Popular Xudea. Claro que os cidadáns normais dedícanse a votar e punto, quizais porque xa se decataron de que, ao final, temos diante o mesmo can con distinto colar. E a min non me parece mal. Digo, por non marear a perdiz.