Curso novo, vida nova

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

16 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O inicio doutro ano académico está marcado, como cada un de xaneiro, polos novos proxectos. O principal obxectivo das familias e dos alumnos é acadar o éxito, aprobando estes o curso completo e coas mellores notas posibles. A planificación comeza coa elección de centro educativo, continúa coas preocupacións económicas pola compra de materiais e libros ou a contratación de servizos complementarios e remata con plans e horarios de estudo. Hai nestes días un ambiente xeral de optimismo e de boas intencións cara ao futuro, marcado polo estreo de centros ou etapas, ou polo desexo de corrixir erros do pasado.

Bótase en falta, non obstante, unha reflexión seria sobre os tres piares necesarios para que o alumno consiga este triunfo: motivación, vontade e saber estudar. Se non existe o desexo de aprender, é moi difícil que o traballo intelectual resulte rendible. O apoio e estímulo dos pais, así como a práctica dunha educación en positivo, son esenciais para fomentar unha autoestima e motivación que lles facilite obxectivos claros e gusto polo estudo. A principal causa do abandono escolar temperá, no que España ten unhas das taxas más altas da UE, é precisamente a absoluta falta de interese pola actividade intelectual.

A vontade é a autentica educación das educacións, a base de calquera éxito na vida. Pero cada vez brilla máis pola súa ausencia, pois as novas xeracións teñen unha gran intolerancia ás frustracións. Sentarse ben tempo sen moverse, memorizar ou resolver problemas costa un esforzo para o que moitos rapaces non están preparados. Poñen desculpas para non facelo ou demórano para máis adiante. Necesitan cambiar constantemente de actividade e sempre están pensando no móbil ou noutras tecnoloxías. A inconstancia e o fracaso escolar camiñan xuntos. Como dixo Edison, o éxito depende nunha mínima porcentaxe do talento e nunha moi alta do traballo.

Pero a motivación e a vontade precisan tamén dun bo método de estudo. As técnicas, estratexias e recursos para o traballo intelectual deberían ser materia obrigatoria desde o ensino primario, pois non acaban de impartirse coa intensidade suficiente. Tampouco forman parte das actividades extraescolares que os pais elixen para os seus fillos nestas datas, e que en moitos casos acaban sendo un obstáculo para centrarse no necesario. Hai capacidades que van ser decisivas no éxito académico, facilitando a aprendizaxe e un gran aforro de tempo: lectura e escritura rápidas, razoamento e síntese, esquematización, memorización, busca e selección da información, etcétera. Un pouco de tempo no fogar dedicado a estas tarefas é unha das mellores axudas que se lles pode prestar aos fillos desde o comezo de curso.