Os que somos leigos na materia quedamos un pouco abraiados cando comprobamos cifras que atordan. Por exemplo, cando se nos di que o chamado peto da Seguridade Social, en só tres anos, dun total de 66.815 millóns, foi minguando ata quedar en 41.634 millóns, ou sexa, case un 40 por 100. ¿Tan ben vai o país?
España, cada ano, ten que recadar entre 250.000 e 300.000 millóns de euros para refinanciar a súa débeda. A carga da débeda do Estado acadou un nivel histórico, aproximándose aos 35.000 millóns de euros. Un, na súa ignorancia, pregúntase que marxe de soberanía nacional hai para un país con tanta débeda. Nesas circunstancias ¿somos un país soberano ou somos un país servo dos mercados?
Os datos da crecente desigualdade dan arrepío: no 2007 a diferenza entre o 10 por 100 dos que máis teñen e o 10 por 100 dos que menos, era de 8,4 veces; pero no 2011 esa diferenza era de 14 veces máis. Unha desigualdade que por unha vez parece poñernos á cabeza de Europa. Isto é ir na boa dirección, pero ¿para quen?
Mirada a distribución negativa dos salarios, a perda, acumulada, do poder de compra nos últimos cinco anos é dun 17 por 100 e, no caso dos funcionarios, do 24 por 100. O que contrasta coas escandalosas percepcións de directivos durante o mesmo tramo temporal. Tamén clamorosa desigualdade por este camiño. E unha poboación en risco de pobreza ou de exclusión social que xa chega ao 29 por 100.
Se ao anterior engadimos o paro ou a pouca calidade da nosa democracia empezamos a pensar se non terá razón Juan Laborda -e non quixeramos que a tivese- cando nos alerta dicindo que os datos que imos coñecendo están agoirando o que el chama a «segunda fase de la Gran Recesión». Pero, como xa dixemos, un é leigo na materia. E vive na perplexidade.