A enerxía de Obama

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

09 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Razón tiña Otto von Bismark ao considerar un fenómeno de consecuencias mundiais que o idioma oficial dos Estados Unidos de América fose o inglés, cando en realidade o francés mandaba no mundo; e a cuestión non é que 120 anos despois a diplomacia se faga en inglés senón que o mundo se rexa polo que din -en inglés, ben clariño- os xefes ianquis.   Hai pouco o presidente Obama anunciou o impulso a unha revolución salvadora do planeta.

En aparencia falaba para os seus concidadáns, mais en paralelo dirixíase a aliados e inimigos. «Ollo, chineses, rusos e indios, non nos contaminedes máis -veulles dicir-. Ide pensando como resolvedes as vosas necesidades enerxéticas, como fabricades e como reciclades porque, a partir de agora, cómpre limpar a atmosfera, as augas e os campos. E, ao que se porte mal, primeiro recibirá sancións; e, despois, drons».

Non dixo que por tras do seu aviso hai cálculo macroeconómico: as mentes que moven os Estados Unidos coidan que son chegados os tempos da mudanza pois o seu sistema científico-tecnolóxico ten momentum (palabra latina que tanto gusta alá) para converter o planeta aínda salvable nunha colonia global.

Hai 40 anos o presidente Jimmy Carter quixo mover a ficha enerxética, mais non lle deixaron porque os laboratorios e as fábricas ianquis non estaban prontos para gañar mercados.

Non fai falta ser Bismark para entendelo.