Lomce e madurez democrática

Celso Currás
Celso Currás NUESTRA ESCUELA

OPINIÓN

27 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A situación actual da Lomce non é a que debería esperarse dunha lei que está nas primeiras fases de implantación. Se xa antes da súa aprobación tiña sido rexeitada por unha parte importante da comunidade educativa, hoxe os resultados do 24M encoraxaron aos gobernos de varias comunidades autónomas. A marcha, a poucos meses das eleccións, do ministro responsable, incrementa a inseguridade e supón un tímido retroceso.

Os gobernos autonómicos, estean ou non de acordo coas leis orgánicas aprobadas no vixente marco constitucional, teñen a obriga de aplicalas no seu territorio. O Goberno de España debe facelas cumprir nos termos e prazos establecidos. Os acordos e solucións intermedias han buscarse no diálogo previo á aprobación das normas, pois facelo despois supón incerteza e desconfianza.

Pero á nosa democracia fáltalle moita madurez e iso nótase especialmente nos servizos sociais máis sensibles, como é a educación. O acoso e derribo ás leis educativas, mesmo antes de seren aprobadas, ven sendo unha constante neste país, con consecuencias moi negativas para todos.

Non saímos dunha permanente reforma da educación, na que os principais prexudicados son os alumnos. Os partidos políticos da oposición xa anunciaron, caso de gobernar despois das próximas eleccións xerais, a derrogación da Lomce. Aprobaríase entón a oitava lei, que se convertería tamén en obxectivo a bater.

Hai que relegar a un segundo plano as ideoloxías, dando prioridade aos verdadeiros problemas da realidade educativa, que impiden conseguir unha sólida formación do alumno. Estes están reiteradamente diagnosticados e mesmo hai propostas moitas solucións, pero agora fai falta un intelixente liderado que, con moito diálogo e flexibilidade, consiga poñer de acordo aos principais responsables políticos, cedendo todas as partes en beneficio de algo tan decisivo como é a educación das novas xeracións.

Se non se consigue este consenso, haberá que esperar por unha maior madurez democrática e isto, como diría Tirso, «cuán largo me lo fiais».