Na conferencia de Viena na que se chegou ao acordo nuclear entre Estados Unidos e Irán ninguén se lembrou, aparentemente, de que o protagonista de toda esta longa e difícil negociación estaba de aniversario. Foi un mes de xullo de 1945 cando estoupou por primeira vez un artefacto nuclear, fixo exactamente setenta anos esta semana.
Como hipótese, eu considero a bomba atómica como a última gran relixión monoteísta. Nela todo o poder, mesmo un poder absoluto de destrución, reside nun único ente. Quizais por iso, como todas as relixións monoteístas, a da bomba atómica manifestouse ao home por primeira vez nun deserto, aínda que neste caso non fose no Sinaí nin no deserto de Arabia, senón no deserto de Novo México. Alí, preto de Alamogordo, o profeta da bomba, Robert Oppenheimer tivo a súa variante da visión da silveira ardente. Provisto dunhas lentes de protección especiais, contemplou xunto con outros científicos e militares a luzada que seguiu a aquela primeira explosión atómica da historia. Sempre un pedante e un megalómano, Oppenheimer anotou logo no seu diario o que lle suxerira aquela experiencia, e fíxoo citando precisamente un texto sagrado, o Bhagavad Gita: «Agora convertinme na morte, no destrutor dos mundos». Oppenheimer era o profeta dunha nova Era, e a bomba a nova voz que clamaba no deserto.
Se a bomba atómica se manifestou nun deserto, onde nacera realmente fora nun frontón de pelota. Igual que a democracia, cuxo momento fundacional se pode situar no Xuramento do Xogo de Pelota, a comezos da Revolución Francesa, e que aparece no famoso cadro de David. A reacción en cadea que faría posible a bomba de Oppenheimer probouse tamén primeiro a pequena escala no frontón deportivo da Universidade de Chicago. Deporte, destrución en masa, ciencia... A bomba atómica era sen dúbida un produto característico do home do século XX. E quizais do de calquera outra época. Recentemente, os científicos estaban intentando decidir se non sería conveniente fixar na proba nuclear do deserto de Novo México a divisoria dunha nova Era xeolóxica: o Antropoceno, a Era do dominio do Ser Humano. Non chegaron a poñerse de acordo, quizais porque lles resultaba demasiado deprimente que o comezo do tempo dos homes neste planeta viñese marcado por un xoguete bélico.
Mais a bomba atómica encerraba un paradoxo. En termos absolutos, ao final resultou ser unha das armas menos mortíferas da historia. O simple Kalashnikov AK-47 mata máis xente cada ano que as dúas explosións atómicas de Hiroshima e Nagasaki xuntas. Estas nin sequera foron destruídas nun acto de guerra -a contenda estaba xa decidida-, senón unha continuación do experimento de Oppenheimer. E dende entón a bomba atómica non se volveu a utilizar nunca máis porque a realidade é que resulta inútil nun conflito armado. É demasiado poderosa. Como os demais deuses monoteístas, anuncia unha fin do mundo que, afortunadamente, nunca chega -ou polo menos tarda moito-.
Esta semana pasada, en Viena, os negociadores do acordo nuclear irano-norteamericano eran conscientes deste paradoxo. De feito, as armas nucleares iranianas sobre as que discutían nin sequera existen. Como nun concilio, do que se trataba era de cuestións de dogma, de quen pode ou non pode oficiar segundo que ritos da relixión atómica. Ao final, como na maioría dos debates teolóxicos, atopouse unha solución escolástica, complicada e paradoxal, e é esta: para que sexa posible seguir crendo na apocalipse hai que facer o que sexa para que non suceda nunca.