Grecia

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

05 jul 2015 . Actualizado a las 10:13 h.

Segundo os especialistas, o nome de Europa procede das formas máis antigas da lingua grega, tal vez con algún préstamo de linguas do Mediterráneo oriental que hoxe xa non se falan: da antiga Anatolia (Turquía), por exemplo, da Siria ou da Fenicia; e viña significar daquela a terra de Occidente, a Grecia continental que, ollada dende as illas e dende o Peloponeso, era a terra toda que se estendía cara ao continente e, en certa maneira, cara ao misterio. Se aceptamos que nos nomes das cousas habita a realidade histórica das mesmas, Europa é un produto (unha primeira ollada, poderiamos dicir) daquela antiga Grecia.

Na mitoloxía homérica, Zeus transfórmase nun touro branco, rapta á princesa (Europa) nas praias da Fenicia, nas costas do que hoxe son Siria ou Líbano, e a leva a Creta, o imperio do mar. O touro é o símbolo dos cretenses. Zeus é o Señor Todopoderoso que dispón do mundo, das vidas e das facendas dos mortais. Europa é a flor do desexo, a virxe sometida. Dalgunha maneira o relato mítico cadra coa etimoloxía do nome: Grecia con pingas ou memoria da Fenicia. ¿Quen é hoxe o raptor (ou raptores) de Europa, da idea de Europa, cinco mil anos despois daquelas historias dos devanceiros?

Dende a nosa perspectiva occidental a historia avanza de Oriente cara a Occidente, seguindo o roteiro do sol: dende as estremeiras do Cáucaso e os camiños de Persia ás Fisterras nosas (as vellas paisaxes celtas, tamén míticas) para, a partir dos séculos XV e XVI, dar o chimpo cara a América, que en gran medida é unha proxección de Europa, xunto coas chamadas Novas Europas (Australia, Nova Zelanda?). Seguramente, coa globalización e os novos tempos, o mundo será diferente (o discurso do mundo, quero dicir), pero o relato histórico da civilización, tal como ata agora o explicamos, escribíase desta maneira.

O que discutimos hoxe en Grecia (e digo discutimos porque dun xeito ou doutro estamos implicados) é a idea de Europa, en certo modo a súa supervivencia (memoria dos vellos mitos e das vellas historias), pero moi fundamentalmente o seu futuro. Díxeno máis dunha vez, a cultura de Occidente sostense sobre tres pés: a tradición bíblica, fundamentada basicamente no Cristianismo e no Xudaísmo (irmáns históricos a pelexar entre eles, como Caín e Abel); a tradición celta e xermánica, encarnada nos mitos artúricos (a Táboa Redonda), e a tradición grega e latina. Tradición e pensamento, mitoloxía e razón: o discurso da filosofía, os principios do coñecemento científico, a liberdade do ser humano, polos que en gran medida o vello Sócrates acabou na cicuta.

Non son analista político, nin pretendo exercer coma tal. Escribo dende a miña condición de cidadán, produto deste universo de tradicións, filosofía e pensamento ao que veño de facer referencia. Tradicións, filosofía e pensamento que dun tempo a esta parte mesmo están a ser dinamitados dende o sistema (tamén dende o sistema educativo) en aras dunha visión fetichista da pseudomatemática, a acumulación insensata e a tecnoloxía. Repito: ¿quen son hoxe os raptores de Europa?