Amor

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

04 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Poñamos que se chaman Laura e Sylvia, aínda que non son nomes verdadeiros. As dúas roldan os 50. Sylvia deixou traballo, familia e amigos en México, meteu as súas cousas nun contedor e veu onda Laura. Tamén sabemos que non falamos de México, aínda que o aquí desta historia si é verdadeiro: un lugar que dá uns problemas terribles para que unha mexicana que o deixa todo por amor obteña un visado. E, en fin, eu son a típica amiga de Laura que insiste en que os problemas de Sylvia rematarían se casaran. «Non se me ocorre mellor maneira de celebrar o aniversario da lei de matrimonio gai», díxenlle antonte a Laura. «Xa, pero a miña vida non é unha reivindicación», contestoume.

Poñamos que Laura é unha coñecida escritora, aínda que non é verdade, e a súa nai, que ten case cen anos, asume que nas telenovelas e nos telediarios casen homes con homes, pero de aí a que todos saiban que a súa filla, xa divorciada, se deita cunha muller, hai un treito. Que ela é moi devota, e toda Galicia tamén. «Unha cousa é aledarnos todos pola igualdade e outra é exercela sempre. Que aínda manda quen manda», di Laura, e engade: «E para as mulleres de certa idade, máis». Efectivamente, dez anos despois, ningún dos meus amigos homosexuais exerceu o dereito que os iguala a min, que decidín un día ante un xuíz quen dorme comigo no hospital. Tantos amigos arrimados e non casados, coma Sylvia e Laura, responde á falta de crenza no matrimonio? Ou será, máis ben, que España segue sendo España?

Claro que menos mal que o matrimonio gai, aínda que sexa para que non o usen os meus amigos, se aprobou dez anos antes cá Lei Mordaza! Se non, xa vía eu a Laura mentíndonos ás amigas coma se tivésemos cen anos.