O fracaso

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

25 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen define en verdade ao ser humano son os seus fracasos. Temos tan envalentonado o éxito, que morrer de éxito é un andazo común nestes días contemporáneos. Poñamos por caso un escritor. Ningunha das súas glorias e loas han de servirlle máis que os seus fracasos. García Márquez adoitaba dicir que o seu libro máis espléndido era El coronel no tiene quien le escriba. El mesmo, vivindo en París, baixaba cada día sete pisos de escaleiras para achegarse ao buzón co fin de encontrar boas noticias. O coronel tamén agardou todos os días da súa vida por unha pensión que nunca chegaba. Foi o fracaso elevado ao seu punto álxido. Dese descenso aos abismos bebe toda a literatura de Gabo. Eu creo que os éxitos só serven para ser contados por biógrafos ou libros de texto. E insisto na virtude de todas as derrotas. Aprender delas lévanos a ser mellores. A xente máis xenerosa é a que pasa e percorre os infernos. Amo rotundamente aos que sofren ou sufriron. Aos que souberon escapar das lágrimas. Aos que se plantaron algún día fronte ao espello para dicir abonda, fin, non máis, ata aquí chegaches tristeza. Os que máis dan son aqueles aos que máis lles arrebataron. Os sublimes, son os humildes. Os coleccionistas de instantes felices son máis afortunados que os Midas envoltos en ouropel de platino que non saben, pobres, nin gastar as súas divisas (algúns son tan míseros que só teñen diñeiro). Reivindico que fracase o éxito. Que os libros conquisten de novo os brazos adolescentes, adosados a un teléfono móbil constantemente. Fracasar é tan humano como as lágrimas. Como un quérote enorme escrito no ceo azul. Fracasan os vivos. Hai mortos que serán recordados por estar mortos toda a súa vida. Pobres.