Vacinas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

13 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas clases de preparación ao parto fálase moito do día despois. Adoita haber unha sesión sobre os coidados do bebé e da nai tralo parto, e aí entra o asunto das vacinas. Curiosamente, a unha cuestión coma esta adoitan aplicar a habitual distancia sanitaria, a famosa asepsia das batas brancas, porque vacinar é voluntario. E o certo é que é unha das consultas que se fan á nai, aínda coas pernas abertas e coa placenta dentro, é: «¿Vacinamos o bebé?».

É curiosa esta asepsia ausente de xeito case insultante noutros asuntos. Por exemplo, en canto unha empreña, as bondades da lactación materna convértense no centro da atención sanitaria con folletos, grupos de apoio e clubes de tetas fóra, ata o punto de que aquela que opte por non aleitar pode chegar a sentirse proscrita, acusada, sinalada co máis doloroso dos cualificativos: «mala nai». Xamais vin diante un tríptico que me informase sobre o valor inmunolóxico dunha vacina, pero, iso si, podería ter chegado a pensar nas miñas tetas coma substitutas do grimoso proceso de agullas.

Entre as miñas preguntas maternosóficas está por que non se aplica a mesma insistencia en falar das bondades da vacinación ca en convencernos para que aleitemos. Ninguén contestou. ¿Por que se deixa ao libre albedrío de desinformados, friquis e snobs o perigo epidemiolóxico? Nunca o entenderei. E papá Estado, que tanto se preocupa polas nosas facendas, observa agora impotente a loita pola vida dun meniño de 6 anos, porque os únicos que informaron aos seus pais foron os talibáns do naturismo. Iso si, ¿a destrozada nai dese meniño aleitaría?