Terrorismo contra reforma

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

Cada iniciativa do Goberno para abrir camiño á democracia foi contestada con accións terroristas de ETA, do Grapo ou da extrema dereita.

O 14 de xullo de 1976 as Cortes aprobaron a reforma do Código Penal, que permitiría a legalización dos partidos políticos. Os días 17 e 18 producíronse varios atentados do Grapo. O Consello de Ministros, presidido polo rei, anunciou o 30 de xullo unha amnistía. O 31 estouparon varias bombas en distintas cidades españolas. O Consello Nacional empezou o 29 de setembro as deliberacións sobre o proxecto de Lei para a Reforma Política, paso previo ao envío ás Cortes. O 4 de outubro ETA matou en San Sebastián ao presidente da Deputación, Juan María de Araluce Villar, o chofer e tres escoltas. O 18 de novembro o pleno das Cortes aprobou a Lei para a Reforma Política e o 24 convocouse no BOE o referendo para a súa aprobación. O 11 de Nadal, catro días antes da consulta, o Grapo secuestrou a Antonio María de Oriol, presidente do Consello de Estado, para manifestar «su repulsa ante la farsa del referéndum fascista». O 17 anunciou a execución do prisioneiro se o Goberno non liberaba a 15 terroristas do Grapo, ETA e FRAP, antes das once da noite.