Píntate

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Non digo por fóra, por dentro. Non digo que nas paredes escribas declaracións de amor: podo escribir os versos máis felices esta noite, mirando o teu balcón, mirándote. Non digo, nin sequera, que fagas un mínimo monumento á alegría, con migas de cruasán, na contraportada de hoxe. Digo só que pintes cara de primavera. Que os teus labios sirvan tamén para comer a vida. Que ames máis do que te aman. Que sexas xeneroso. Que non perdas a ocasión de demostrar que es mellor do que pareces. Non digo por fóra, por dentro. Debuxa emoticonos con sorriso, ollo chisco, e dedos polgares boca arriba. E bicos, ducias e ducias de bicos. Quero dicir, e por iso digo, que destrones a tristeza neste reino de tristezas. Digo, só, que abraces máis do que abrazas. Quizá non sirvas para nada, pero serves para ler cada xoves esta columna, que é un contubernio. De luces e iluminados (pola esperanza). Na beirarrúa de enfronte pasa un tren. E a estrada ten chocolate en lugar de asfalto. Es tan importante para min que escribo estas letras diminutas para que non te me vaias. Quédate, pintada, pintado: cor de pexego amorodo queiruga. Vai, pois, este disparo ao teu corazón. Hoxe corre metralla de lirios e bolboretas polo vento do país. Non existen as almas en pena. E a santa compaña son os invisibles que te acompañan, a ti, mentres les este exorcismo semanal. Para vivir é preciso querer vivir. E pasar os malos momentos. Saltar por eles. Esperar a que escampe. E escampará. Pasará. Pasará. En tanto esperas, píntate. Non esquezas pintarte por dentro para que eles, pérfidos ananos, escapen ao país de ningures. Píntate para soñar. Para sentir, alegrarte, emocionarte. Píntante, amiga. Amigo, píntate.