Vai sendo hora de cambiar

OPINIÓN

Paréceme que xa non queda quen non saiba que a débeda grega, por diversas causas, é impagable, se ben a principal delas é que, en contra do que como propaganda interesada se vén dicindo, en realidade Grecia non foi rescatada, senón os bancos alemáns e franceses. O pobo grego é outra cousa, e ao parecer non interesa.

Xusto porque é impagable esa débeda, as mentes máis lúcidas de Europa e dos EE. UU. propoñen para o país heleno un novo New Deal, semellante ao que tantos beneficios produciu a Alemaña despois da guerra e sen o que Adenauer nunca podería ter conseguido o chamado milagre alemán. O que ocorre é que andamos todos mal de memoria e os alemáns os primeiros, o que é moi grave e non se lle atopa fácil explicación.

Tanto que algúns din, como o economista Peter Bofinger, que os alemáns empregan a mesma palabra -Schuld- para débeda e para pecado e que por iso esta particularidade lingüística explicaría unha moral pouco clara -ou, ao mellor, clara por demais, como esquecer o que deben a Grecia por reparacións de guerra cando a ocupación nazi.

É moi claro así mesmo que os obxectivos desa política non son recobrar o prestado xunto cos correspondentes xuros, senón manter ao debedor na subordinación e na dependencia. Conceptos que tamén mantén na súa política doméstica promovendo baixos salarios e a debilidade sindical. A ideoloxía primando sobre a política.

¿Volverá a Europa a política, como nos tempos de Adenauer? Pois parece que si, que aínda organismos que foron defensores da ortodoxia neoliberal se decatan da imposibilidade de que Grecia pague a súa débeda. Ou sexa, da necesidade de volver á política. ¿E para isto foi necesario o sufrimento causado ao pobo grego, maiormente por un país que semella ter perdido a memoria?