Aerorrobots en guerra

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

17 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai moito La Voz ofrecía reportaxes sobre o traslado de vísceras para transplantes e a inspección de edificios con axuda de vants («vehículos aéreos non tripulados»), vulgo drons. Mais non todo o que con eles se pode facer ten aplicacións tan nobres. De feito, tamén La Voz recolleu casos de invasión de zonas restrinxidas por vants espías. Seica a Casa Branca e o Eliseo andan a cavilar en como abatelos.

Moita xente pensa en tales trebellos para xogar (hainos xa por 50 euros). Ora, cando intervén no asunto unha institución coma o Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación é que estamos a falar dunha industria; e ese colexio ofrece un curso de especialización no deseño e funcionamento de autopilotos das máquinas que funcionan grazas á comunicación sen fíos.

A tecnoloxía adoita ser allea ao uso que dela se faga. Microondas e bits son conceptos etéreos, satélites de posicionamento e transceptores de mando poden servir para o ben ou o mal; mais os radioservizos públicos non deben ser recortados en evitación do voo de drons perversos: a sociedade non vai parar por culpa dos malfeitores. Daquela, é doado imaxinar que estea xurdindo unha nova enxeñería: a dirixida a confundir, desviar e derrubar drons. Estaría á vangarda dunha nova forma de guerra no mundo, a dos robots voadores.