¿Que lle pasa a Madrid?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

10 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A substitución de Ignacio González por Cristina Cifuentes na candidatura do PP á Comunidade de Madrid é o último acto de recambio político que se deu en todas as forzas políticas da capital do Estado, incluídas as dos chamados partidos emerxentes. O remexido deste último mes afectou ao PP, ao PSOE, a IU e mesmo a Podemos, e ten como denominador común a corrupción presunta, aproximada, suposta ou real.

Que recunque Esperanza Aguirre é precisamente a excepción que confirma a regra que ven de definirse. Ao cabo ela é unha rica aristócrata coa frescura innata de quen está por riba do ben e do mal, capaz de fuxir dun incidente de tráfico e acabar librándose como vítima (ai dos municipais se gaña!), de usar o latín para recoñecer o erro in vigilando de confiar nun feixe de corruptos como conselleiros e cargos do partido, encausados na Gürtel, na Púnica e máis no Ignacio González do ático en Marbella. Unha alcaldesa cortesana para a Corte ten lóxica para o votante conservador tradicional pero Rajoy ponlle condicións que minan o seu poder.

Paga a pena repasar a nova regra de Madrid porque é un indicador inmellorable dun estado de situación. A candidata elixida nas primarias de Esquerda Unida marchou do partido fuxindo do cerco político dos dous dirixentes que dende hai vinte anos controlan o aparato madrileño e os grupos autonómico e municipal do partido, valedores do acordo PP-IU en Caja Madrid e do uso das famosas tarxetas. Coñecemos despois o que non deixaremos de chamar o erro Monedero -desaparecido desde entón- por cobrar como funcionario público unha cantidade que non podía cobrar cunha empresa que non podía ter. Que se presentase convencido de que si podía parece unha cuestión ambiental; en galego diríamos éche o que hai na redonda. Ao candidato do PSOE partiuno un mal raio que lle mandou Pedro Sánchez a prol dun catedrático de filosofía. Por certo que despois de botar á cúpula madrileña de IU, a dirección federal nomeou un poeta para encabezar a súa lista. O efecto Podemos nótase ás leguas.

O recambio político que as cúpulas dos partidos promoveron en Madrid pretende ser saudable, en termos de saúde cívico-política, pero non pode desligarse das razóns de tan inusual limpeza, relacionadas cunha incerteza nas previsións electorais e no propio sistema político que durará até que isto o clarifiquen -se é que o fan- as eleccións, pero tamén coa profundidade de prácticas corruptas e dunha cultura do diñeiro e de como gañalo asociada a iso que chamamos a burbulla económica. Se queremos de verdade un futuro politicamente saudable, teremos que afondar na realidade desa podremia no corazón do Estado que vemos nos subornos empresariais, no saqueo do Estado por políticos corruptos, nos cobros ilegais de funcionarios -xuíces incluídos-. A mesma que separou a Garzón da xudicatura, aquela que empezamos a ver cando dous actores de reparto vestidos de deputados converteron a asemblea de Madrid nun escenario de Chicago anos trinta -pero sen Eliot Ness- para torcer a vontade das urnas. A pregunta de verdade sería: pero que foi o que pasou en Madrid nos últimos quince ou vinte anos?