Entroidos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Pasou o Entroido e este ano, por circunstancias varias, nin o sentín. E agora bótoo de menos, máis ca nada, pola alegría a contaxiar.

Cal é a maxia desta festa? Amais da comida típica, un auténtico manxar, a posibilidade de ser quen queiramos. Converternos por un momento en actrices, políticos, flores, astronautas, pallasos... e facer realidade ese desexo, efémero. Porque a carauta só vale, no mellor dos casos, para varios días. Que sucede, logo, o resto do ano? Non somos quen desexamos? Non me refiro a esas ilusións inalcanzables, que está moi ben cumprilas por un día, falo de algo máis serio. Agochámonos continuamente? Temos dous rostros?

Hai quen ten unha cara amable para a galería, e logo na casa, solta todas as penas e penurias. Tamén os coñezo ao revés, que botan o día parapetados baixo as olleiras, cansos da noite anterior, do día anterior, da semana anterior, do mes que pasou, dos anos de atrás... escondendo sen remedio a súa verdadeira face, máis amable e relaxada.

Tamén hai caras que só aparecen cando te precisan. O resto do tempo, non teñen carauta, simplemente desaparecen. Logo quedan aos que nunca coñecerás realmente, de tanto que gardan os seus sentimentos... E tamén os que vestimos as decepcións e penas cun sorriso, pase o que pase.

Gustábacheme ben máis o Entroido cando non levabamos etiquetas, e só nos disfrazabamos de «entruido» cos «froios» que apañabamos polo faiado da casa. Aqueles eran tempos de non necesitar anteface.

Certamente, medrar nunca foi sinxelo.