Todos contra Suárez

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

21 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

De rapaz, Adolfo Suárez dicía aos amigos que algún día sería presidente do Goberno, e repetiuno ante o futuro sogro na petición de man de Amparo Illana; por iso cando a tarde do 3 de xullo de 1976 o rei o invitou a tomar café na Zarzuela, baixou do Seat 127, entrou máis chulo que un oito e, ao escoitar que o Rei lle dicía: «Adolfo, te quiero pedir un favor. Acepta la presidencia del Gobierno», sorriu e respondeu: «Ya era hora».

A elección decepcionou a todos, non sen razón. Dende a Secretaría Xeral do Movemento, Suárez mostrárase contrario á reforma deseñada por Fraga; defendera a continuidade das Cortes e do Consello Nacional, e avogara por un Fuero de España que acollese as leis fundamentais. O socialista Gregorio Peces-Barba declarou: «El nombramiento del presidente fue un error y un paso atrás en el camino hacia la democracia».

Da mesma opinión eran os medios españois e estranxeiros, pero foi no xornal El País -que apoiara claramente a Areilza- onde apareceron os ataques máis virulentos, facendo a Suárez parte dunha conxura da «superdereita», co Opus, a banca, o capital e o búnker. Ricardo de la Cierva sumouse á teoría da conspiración con varios artigos, como o titulado «¡Qué error, qué inmenso error!».