Eu sonlle de formigas. Si, deses pequenos insectos da familia dos himenópteros. E non só pola organización, máis ben polo seu sixilo no traballo. Son incansables. Cargan volumes moito maiores ca elas sen perder o equilibrio. Son coma as avoas coas cestas na cabeza, os feixes de verdura, as sellas con auga...

Gústame a xente que traballa por convencemento, sen buscar fama. Creo no esforzo. Creo na xente humilde. Máis ca iso. Gústame, e admíroa. Estou cansa de falabaratos que prometen cambiar o mundo, pero cada día erguémonos sentíndoo igual ca o anterior, se cadra peor. Non me serven tampouco os elefantes que entran pola vida facendo ruído, aclamando o último logro que veñen de acadar, aínda que para iso tiveran que pisar e esmagar o chan que os sustenta. Non me gustan as cabezas que non saben baixarse.

Sonlle de persoas discretas. De quen fai cousas (grandes e pequenas, todas igual de necesarias) e non necesita anuncialo. Dos que poñen o seu gran de area no mundo, perfectamente colocado, porque cren que ese é o seu deber. Sen máis. Dos que, cando lles das os parabéns, sorrín e póñense rubios, e restan importancia a calquera cousa boa que fagan. Eles pasaban por alí, din.

Pois exactamente eses son os grandes. O espello no que deberamos mirarnos. En Galicia, temos moitos exemplos, pero hoxe, os parabéns son para Xoán Babarro, que cos seus libros e as súas historias fixo soñar a moitos cativos na nosa lingua. Vén de recibir unha sinxela pero emotiva homenaxe de Gálix. E eu súmome.