Syriza, o experimento do laboratorio grego

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

28 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

S yriza é como o Bloque sen UPG ou como Izquierda Unida sen PCE, e ten moito máis percorrido que Podemos. Entre as achegas posibles ao fenómeno político de moda en Europa escollo esta porque explica ben tanto as diferenzas como as semellanzas que todos buscamos nestes días. Mais importante que rachar o bipartidismo e gañar as eleccións, o éxito de Syriza pode dar nunha moda das que veñen para quedarse. A diferenza de Podemos, xa gobernou e os seus alicerces véñense conformando dende hai dez anos agrupando diferentes forzas de esquerda, tamén comunistas, pero á marxe do partido comunista grego, de raíz estalinista (EKK). Lembra na composición ao Bloco da Esquerda portugués, máis precoz (1999) pero polo de agora con moito menos éxito que os gregos. E lembra o fenómeno do BNG cando a UPG cedeu o protagonismo ao proxecto común de Beiras, que coa incorporación do PSG-EG despois de 1993 uniu a todo o nacionalismo de esquerda e superou ao PSOE rachando o bipartidismo.

A diferenza é que Syriza, unha amalgama de conexións (synapse) entre diferentes forzas de esquerdas, en troques de languidecer ou dividirse, converteuse no instrumento de resposta política a unha crise que na súa fondura explícase pola acción dos gobernos gregos anteriores ao 2008 que xestionaron o país como Baltar a Deputación de Ourense: repartindo diñeiro a espuertas. O éxito logrouno protagonizando a reacción contra unha política de austeridade tecnicamente dirixida pola troika e politicamente por Alemaña, que á vez que empobrece aos gregos alonxa a saída dunha crise na que Grecia foi usada como o exemplo do que debe evitarse. Fronte á ineficacia da dereita e a esquerda tradicional grega e o uso de Grecia como chibo expiatorio pola dereita euroalemá, Syriza uniu e gañou apelando á esquerda e ao patriotismo. O primeiro explica a ruína do Pasok e o segundo, o pacto cun pequeno partido da dereita. Amosa o estado da esquerda, a dereita e tamén a nación en Europa hoxe. Converteron a Grecia en mal modelo económico e agora pode ser o modelo da volta da política, funciona como o laboratorio político e social europeo con materiais puros na reacción químico-política: da extrema dereita nazi aos comunistas estalinistas. Interesa para a análise e tamén para a propaganda.

A crise desequilibra aos Estados do sur de Europa ate extremos aínda descoñecidos e o éxito de Syriza reside precisamene no seu carácter inclusivo: porque agrupa forzas internas, porque mete á esquerda e os seus votantes no sistema democrático sen dúbidas, evitando unha fuga -como no pasado europeo ou como ameaza hoxe- cara a extrema dereita fascista e porque, sen dúbidas, mete Grecia en Europa. Para iso ofrece outra esperanza inclusiva: volver meter no sistema social de benestar aos expulsados pola crise e recuperar o nivel de vida da maioría. Abonda ler ao último premio San Clemente, Petros Márkaris, para saber onde chegou a desesperación dos gregos que agora recuperan o Bella Ciao, aquela canción popular dos partisanos da Emilia-Romagna italiana que combateron aos nazis. A maioría eran comunistas, pero a canción que cantaban remataba dicindo que se morrían, sería pola liberdade.