As tres relixións da Biblia están tan presentes nestes días que os nenos fanse preguntas para entender a relación e o conflito que perciben entre islamismo, cristianismo e xudaísmo. Os atentados de París e esas informais declaracións do papa de Roma estimulan preguntas que teñen diversas respostas. É atrevido respondelas vivindo nunha cidade chea de teólogos e traballando nunha facultade con especialistas en Historia das relixións e da Igrexa, pero é obrigado para entender as cargas do presente. As tres relixións nacen na mesma parte do mundo, parten do mesmo libro para explicar a existencia do mundo e dun único Deus. Son as máis estendidas no mundo, as que reúnen máis crentes (máis do 50 %), as que máis inflúen nos gobernos e as que teñen máis poder mundial. Son as que triunfaron histórica e politicamente e iso é o que compre entender. Fronte ao politeísmo da maioría das relixións, as tres defenden un só e único deus. A unidade do divino deulles forza e tamén levounas a facer forza porque o seu deus verdadeiro sendo único tiña que selo e debía selo, sobre todo cando a forza de deus identificábase coa do poder do emperador, o califa, o rei ou o sultán. O xudaísmo que foi pioneiro no monoteísmo é a orixe das outras dúas, difire delas na súa relación co poder pero ten en común con elas que a crenza no único deus define ao pobo único, escollido, superior. O Deus da Biblia xudía (a protestante, como o Tanaj xudeu, ten sete libros menos que o Antigo Testamento católico) é invisible pero sempre presente, vingador, inmisericorde, cruel de cote. Tamén o único e fiel apoio dun pobo rodeado de imperios que o escravizaban: acadios, asirios, babilonios, exipcios. Aquel deus era a súa forza.
O Deus xudeu faise humano con Xesús de Nazaret, mesmo bondadoso, achegado aos débiles e enfrontado ao poder romano en Xudea. O humanismo do deus feito home xa non abandona a esta relixión, que se chama Cristianismo porque el era o Mesías -cristo, en grego- anunciado polos profetas. Será unha das súas vantaxes comparativas. A outra, que tamén perdura, acadouna o cristianismo ao convertese na relixión do Imperio e lograr estenderse durante mil anos por Europa con hexemonía absoluta, dende o Edicto de Constantino (313) ata a reforma protestante (século XVI). A clave estivo na capacidade da Igrexa como estrutura de poder para ocupar o inmenso baleiro institucional e cultural deixado en Europa pola caída política do imperio de Roma no século V. Dous séculos máis tarde Mahoma non é mesías, senón profeta definitivo despois de Abraham (Ibrahim), Moisés (Musa) e Xesús (Isa). Igual que os Evanxeos narran a vida e milagres de Xesús, os Hadices narran os de Mahoma e o Corán é o libro que reúne a nova verdade revelada directamente por Deus. O islam uniu toda Arabia coa forza da nova idea de perfección, paz e obediencia. Pero como Alá é o único deus e Mahoma o seu profeta, o novo poder árabe terá ideoloxía e organización para estenderse no século VII a costa dos decadentes veciños: os persas sasánidas e os restos do Imperio romano ate o lonxano reino godo de Hispania. Allah, Jehová e Yahvéh son todos o mesmo El e o uso histórico e político tamén.