Paranoias

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

17 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasou en Estados Unidos despois do 11-S, e o resultado foi a Patriot Act, o produto da sobreactuación coa que aquel Goberno alimentaba a paranoia dun pobo amedrentado. Pero esa lei non fixo dos EE.UU. un lugar máis seguro, aínda que si logrou que caese en vergoñas coma Guantánamo ou Abu Ghraib.

Pero nós somos Europa. Ou iso eramos, a pesar dos atentados de Madrid e de Londres que non lograron modificar o máis mínimo o concepto europeo de liberdade. E agora, á calor do mesmo medo que outrora asolagou o sentido común dos estadounidenses, os nosos gobernos destemperados caen na tentación paranoide que apreixa cidadáns libres en lugar de terroristas. Porque na súa crenza populista esqueceron que, por moito que controlemos a intimidade das persoas ou a súa libre circulación pola UE, seguirá habendo atentados mentres haxa países polos que os integrismos campan libres e mentres matar sexa fácil. Iso non pode mudar. Pero si pode mudarse a nosa relación tan amistosa con países que refuxian e alimentan os verdugos que mesmo lles deixamos publicitarse nas camisetas dos nosos futbolistas sen que o cuestionemos. A compaixón sobreactuada é só un pretexto para conseguir pola vía do medo o que xamais se conseguiría nun parlamento con sentido da democracia, a igualdade e a liberdade, os tres principios que inventou Europa e a fixeron o lugar máis seguro do mundo, a salvo incluso das hipocrisías gobernamentais. Pero moito temo que a mediocridade dos políticos non lles deixará entendelo. Iso, no caso de que lean cousas destas.