¡Ánimo, compañeir@s!


Cando xa estaban para embarcar, a piques de entrar na liña de control de equipaxes do aeroporto, o pai de Xulia meteulle á filla no bolso un exemplar de Follas Novas, o libro que Rosalía de Castro publicou en 1880.

Un exemplar vello, que levaba na casa unha chea de tempo. Costoulle deixar ir á rapaza, que xa é unha muller, licenciada en Medicina, a pequena de tres irmáns.

Os outros xa voaron antes: un está en Londres, traballando na hostelería, que é con quen inicialmente vai vivir a moza, e o outro en Polonia, de enxeñeiro químico. Quedan os pais en Lugo.

Déronlle estudos aos tres e os tres marchan polo mundo, coma eles fixeron antes, nos anos sesenta e setenta, primeiro a Venezuela e logo a Alemania. Cos nomes lixeiramente cambiados, os datos todos desta crónica son certos, non fantasía do autor.

Sarela leva anos en Alemania, en Colonia, para ser exactos. A Bayer mándaa agora de expatriada para formar equipos na sua sede de Filipinas.

A idea dela era ir achegándose a casa. Estudou Ciencias Empresariais. «Pero aínda non vai desta. Terei que agardar».

O irmán, Xandre, que fixo a mesma carreira ten máis sorte: atopou traballo en Madrid, «aínda que coas dificultades de sacar adiante os proxectos, que xa houbo que soterrar algúns».

Haberá outros. Teñen 34 e 36 anos, con toda a vida por diante. Ana e María tamén se despediron estes días no aeroporto.

No mediodía do pasado 1 de xaneiro Peinador, Alvedro e Labacolla estaban cheos de bicos e apertas.

Ana regresa a Berlín, onde leva algún tempo traballando nun estudo de proxectos industriais, prácticamente como bolseira. Ten 39 anos. Vive nun piso compartido. María está en Barcelona.

Logo dun par de anos no paro montou hai uns meses despacho cunhas compañeiras en Hospitalet e, naturalmente, deprendeu a moverse en catalán.

Está contenta, igual que Xela, que non daba atopado traballo en Vigo e marchou para a capital catalana, onde exerce de asistenta social. As fillas do meu amigo Labarca, médico unha, enxeñeira industrial a outra, tamén están aló.

O meu amigo pasouno mal, igual que os pais de Xela, que botan de falta a netiña, pero xa se van afacendo. Déixenlles que lles fale do meu irmán Antonio, 49 anos, biólogo, responsable de produción durante case dúas décadas de proxectos de aquicultura en Galicia, proxectos que foron cerrando por insuficiencia nos mercados, afogados pola competencia das transnacionais nórdicas e a falta de axudas das nosas administracións.

Logo de case catro anos empuxando a última para nada, o 23 de Nadal subíuse a unha moto e, sen máis equipaxe que os trebellos do oficio e o cariño da familia, que conectamos con el todas as noites por Whatsapp, plantouse en nove días no Círculo Polar, entre Finlandia e Noruega. «A ver se aquí van en serio».

Volvo ao bolso de Xulia, que se cadra abriu o libro no avión. O pai marcou a páxina onde empeza o poema Pra Habana, e subliñou un verso: «¡Ánimo, compañeiros! Toda a terra é dos homes», cunha anotación á marxe que de seguro Rosalía tamén subscribiría: «E mais das mulleres, miña filla, coma ti».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
38 votos

¡Ánimo, compañeir@s!