Non pasaran tres meses dende a súa proclamación, cando don Juan Carlos decidiu viaxar a Cataluña. O 16 de febreiro de 1976, o Concello de Barcelona ofreceu unha recepción aos reis, na que o alcalde, Joaquín Viola, afirmou que os cataláns rexeitaban calquera tentativa contra a patria común dos españois, e o presidente da Deputación, Juan Antonio Samaranch, asentiu, pero engadiu que o pobo catalán esperaba un réxime especial para as catro provincias. Dúas semanas antes convocárase unha manifestación multitudinaria en Barcelona, co lema «Llibertat, amnistía, estatut d?autonomía».
Don Juan Carlos falou de liberdade, de democracia, e despois, en catalán, da súa confianza na gran aportación de Cataluña a un Estado forte, que asegurase o progreso e o benestar de todos os españoles.
Fóra, unha multitude vitoreaba a España, aos reis, ao xeneralísimo Franco, ao Exército e ás forzas de orde. Grupos de rapaces lanzaron tarxetóns coa bandeira catalana e a lenda: «Joan Carles I Rei d?Espanya».
Os reis visitaron a abadía de Montserrat, berce espiritual de Cataluña, e a prensa entendeu que o Rei ía por diante do seu Goberno.
Expresouno cun titular o Mundo Diario: «Un rey imaginativo y un Gobierno cauteloso».