15 quilómetros, un mundo

OPINIÓN

Hoxe en día, non hai distancias, é o que sempre se di cando se fala da xente que vive lonxe. Tentamos, así, minimizar a morriña, e o medo de que algo quede afastado. A familia, o traballo, os amigos, o fogar, unha parte de cada nós.

Pero si hai distancias. Aparece cando necesitamos o desexado de inmediato. Cando os segundos determinan a vida. Distancias que se contan polo tempo.

Pero tamén as hai que se miden exclusivamente en quilómetros. Quince, por exemplo, poden ser moitos para separar mundos, conciencias, cultura.

En Balboa, municipio de León, contratan anualmente o mantemento das súas pallozas a «teitadores» de Cervantes, Lugo. Estes percorren os 15 quilómetros que os separan para facer o seu traballo, mentres tragan a xenreira de que as pallozas que arrodean as súas casas dos Ancares, estean a estragarse, esmorecer.

Hai palla para coidalas, a que se queira, din eles. ¿Que falta logo? Vontade. Hai boas palabras e intencións, pero aínda non chegaron as actitudes que o materialicen. As pallozas foron declaradas BIC pola Administración. É un primeiro avance, si, pero só co título non facemos nada.

Certo é que se deu un paso máis, asinando Xunta e Deputación un acordo polo que investirán 260.000 euros para rehabilitalas. Pero non chegaron os cartos. Quen apareceu xa foi o inverno, que dificultará o traballo e deteriorará as estruturas. Hai cousas que non se deben facer esperar, porque poden chegar tarde. Que as distancias entre os mundos, non sexan unha presada de metros.