O martelo de Tullock

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

16 nov 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

Chégame, con algo de retraso, a nova do pasamento de Gordon Tullock, unha das personaxes máis peculiares e influentes das ciencias sociais do último século, por ser un dos fundadores da Escola de Virxinia que desenvolveu a Teoría da Elección Pública ou análise económica da política; e coautor, co tamén recentemente falecido Premio Nobel de Economía James Buchanan, dunha obra esencial para comprender a evolución do pensamento económico e político na segunda metade do século XX: O cálculo do consenso. Fundamentos lóxicos da democracia constitucional (1962).

Tullock era admirado e á vez temido polos seus colegas, e por quen tivemos a honra de coñecelo. Era extremadamente afábel no trato: todos os investigadores que visitábamos o Center for Study of Public Choice, en Virxinia, mentres formaba parte do seu claustro docente, eramos convidados nun restaurante chinés porque gustaba lembrar os seus anos de servizo diplomático no Extremo Oriente. O xantar era experiencia inesquecible tanto polo enriquecedor dos seus xenerosos consellos, como polo endemoñado acento sureño co que falaba a toda présa. Temido polo aceirado da súa crítica: sempre tiña un point que facer á ponencia ou conferencia que lía ou escoitaba; un comentario que era sempre incisivo, e moitas veces demoledor. Por elo, a mellor descrición de Tullock é a que fixo outro grande, William Niskanen, o pai da «teoría económica da burocracia»: «Gordon usa a economía do mesmo xeito que un rapaz usa un martelo, alternativamente para construír algo ou para esmagar algo».

E era admirado, porque foron moitas, e grandes, as análises que Tullock construíu co seu martelo en ámbitos tan variados como as votacións, as institucións políticas, ou o altruísmo. De salientar algunha, non obstante, habería que referirse á chamada teoría da procura de rendas no sector público (ou rent-seeking). Cun artigo esencial do ano 1967, Os custos en benestar das tarifas, os monopolios e o roubo, Tullock deu orixe á idea de que moitos empresarios procuran obter a súas rendas, en vez de nos mercados e satisfacendo aos consumidores, no sector público e a través de normativa proteccionista, a concesión de monopolios, ou a obtención de subvencións e todo tipo de axudas. Máis aló do problema redistributivo (desvantaxes para outros empresarios excluídos dos mercados, e para os consumidores) que xeran as actividades de rent-seeking (ás veces unidas á corrupción), Tullock salientou que o rent-seeking produce enormes problemas de ineficiencia: os cartos públicos non se dedican á creación de riqueza, senón a reducila. O problema non é só de equidade que tamén; senón de eficiencia no uso dos recursos sociais.

Da importancia e actualidade da tese de Tullock, que xa integra os manuais de economía convencional, pode dar boa conta a polémica xerada entre nós polos informes do Consello de Contas e do Tribunal de Cuentas en relación cos cursos e programas de formación para o emprego aos que as administracións dedican milleiros de millóns de euros cada ano. O problema, o verdadeiro problema que denuncian estes informes non ten tanto que ver coa existencia dalgunhas irregularidades formais. O que denuncian ambos informes é, nas súas propias palabras, que «en función dos obxectivos de inserción laboral finalmente conseguidos non se está a obter a eficacia esperada destes programas»; ou que «non se efectúa unha verdadeira análise do impacto de ditas accións formativas na mellora da produtividade das empresas nin na empregabilidade dos traballadores». As entidades que as solicitan e as xestionan «non analizan as necesidades específicas de formación de cada sector», pois «limítanse a adecuarse aos plans de referencia sectoriais co fin de lograr a maior puntuación dentro dos criterios de valoración establecidos».

Rent-seeking en estado puro. E agora toca usar o martelo. Esperemos que sexa para construír un sistema de formación eficiente, que mellore a competitividade das empresas e a empregabilidade dos traballadores. E non para esmagar unhas políticas que, cifras de paro por diante, semellan máis necesarias que nunca. Pero ben feitas.