Somos un país que ademais de non respectar, nin coidar as súas árbores, as destrúe. Xa Rosalía queixábase dese furor destrutivo no seu poema Los robles. Agora as vítimas do furor arboricida son as fragas de Catasós, antes coñecidas como fragas de Quintela e Quiroga. Son unhas dúas mil árbores: castiñeiros, carballos, nogueiras, moitas delas centenarias... Por eses arboredos paseou Emilia Pardo Bazán, casada con José Quiroga, da familia entón propietaria, e deixou reflectida a súa beleza nas súas novelas. Agora van ser tallados para que pase unha liña de alta tensión. A compañía conta con todos os permisos. Preto hai un bosque, declarado monumento natural, e polo tanto intocable, pero as fragas de Catasós son «masa árborea non protexida». Fallou unha medida elemental de protección de espazos naturais: o cinto de seguridade que debe rodear a todo monumento natural, xa sexa Doñana ou o canón do Colorado (onde, por certo, o terreo circundante que o protexe é case tan grande como o canón). En Vigo a protesta cidadá freou a talla de árbores da avenida de Castelao. Conseguirá agora que se deteñan os «machados implacables»? Ogallá!