Hai días que te levas mal coa felicidade. Semanas, meses, anos. Ti camiñas tranquilamente o teu camiño e ela, con teimosía, desprázase en réquiem de piano negro por outra vía: áspera. Preguntas e ninguén sabe contestar en qué consiste: señora tan perseguida, fin, obxectivo, meta. Eu creo que a felicidade consiste en que non consiste en nada. Inexplicable, como a poesía. Visible, como as cores deste novembro de ondas en gris menor e follas violeta. Contrariamente ao que sempre digo, hoxe digo que non procures a felicidade. Aparece e desaparece como néboa, e como o sol. Contrariamente ao meu credo, hoxe creo que só é posible ser feliz cando non buscas a felicidade. Non pensar demasiado nos seus ollos de Penélope. Non acosala. Se sente que a acorralas, escapa. Este primeiro xoves de novembro eu brindo polos felices. Polos que citan frases célebres sobre a felicidade. Brindo con auga de chuvia polos que son capaces de coñecer o segredo. Polos que pintan de luz os días escuros. Nunca estamos sós porque sempre estamos sós: tristes ou felices. Pero só na certeza de amar e ser amado repousa a clave. A única clave. Non hai outra. A clave delas, malditas benditas desqueridas e queridas íntimas camaradas: alegría e melancolía. Confeso publicamente a miña perplexidade por algo tan simple como unha columna. Esta. Por poder escribila. Por soprar con ela todas as lágrimas que existan. Por dar compañía e ánimo e contento a quen os pide (grazas). Reclamo o edén neste país de sombras. Reclamo que despois dos tempos sen luz veñan as luces cegadoras. Coméntanme estes días que sempre acaban os túneles. Coméntanmo a min, que tantas veces repetín tal certeza. Ela existe, proclamo. Caprichosa, a felicidade.