O que manda en min

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Por sorte, quedan lugares onde o tempo camiña amodo. Afeitos a subir, baixar, ir, vir, regresar, fuxir, volver... pasar polo día nunha carreira de fondo, sobresaltámonos cando se presentan horas diferentes.

Disposta a saír ás présas, alguén cancelou a cita. Vinme na casa cun par de horas para min. Así, de súpeto, sen avisar.

Deiteime na herba e pechei os ollos para que o marabilloso sol de outubro me alumease coa luz dourada.

Ulir a terra de preto é un privilexio do que hai tempo non gozo.

Intentei relaxar os músculos e a mente. Non fun capaz de facer ningunha das cousas, e por un momento tiven medo de que a rutina que me come os días fose a dona da miña cabeza. Que os medos, as inquedanzas, o ritmo imposto, as novas que moven o mundo, fosen o que conforman o meu interior. Mais pouco a pouco foron aparecendo na miña mente imaxes, olores e sons.

Un sorriso cómplice. Unha man compañeira. Unha aperta fonda e sentida. Unha gargallada que quedou prendida da memoria. A voz rota e cansa que non borrará o tempo. O poñerme na punta dos pés para buscar un bico. Imaxinar que abro esa porta e me inunda o olor. Caricias. Ollos que me miran e nos que me vexo. A calor dun peito no que me apoio. Palabras. Frases. Promesas.

Momentos que perdín e outros que aínda conservo, a estrutura do que son. Tan etérea e fráxil que calquera día esnaquiza, e derrúbase. Por iso temín, polo que conforma o eu e pode desaparecer. Mais con todo, sentín que estaba salvada, pois en min aínda manda o corazón.