Por min e por todos os meus compañeiros

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Creboulle a voz ao dicilo, no mesmo día no que nos puxeron por enésima vez ante os narices a sensación de que somos idiotas: volve haber pobres de pedir, deses que parecían unha reminiscencia das novelas de Galdós. En realidade, ao responsable de Cáritas que chorou ao constatar esta pobreza vergoñenta, creboulle a voz cos micrófonos diante ao decatarse de que os pobres de pedir aparecen a causa da nosa idiotez endémica.

«Por min e por todos os meus compañeiros», dixo o de Cáritas co pranto no padal. Esa é a clase de solidariedade que nos debería salvar, insistiu. Pero mentres, os mangantes roubaban os cartos dos pobres ás mans cheas, os usureiros esquivaban a Facenda, e Facenda, en realidade, deixábase alegremente. Mentres os ministros rin dos pobres, e os presidentes piden un perdón pequeniño, non vaia ser que se note que, no fondo, case ven normal que haxa políticos que en vez de servir ao público, se serven del. Non me estraña que lle crebase a voz. A alguén tiña que saírlle este pranto afogado que a todos nos estraga o sentido. El só chorou. Eu penso máis en tomar a xustiza pola man e lanzarlle a un político corrupto o corpo morto dun pobre de pedir.

Faríao por min, e por todos os meus compañeiros. Por noxo. Por xustiza. E porque, como o responsable de Cáritas que chorou, tamén eu creo que hai formas de rebelión para paliar a verdade noxenta dun país de ricachos cutres, políticos casposos, empresarios de ñiguiñogui, maletas de cartos no estranxeiro e españois idiotas que, contentísimos con todo isto nos tempos de novorriquismo snob, se atoparon con que eran eles quen precisaban a solidariedade e a esmola.