Custoume ler o termo á primeira. Pero si, di exactamente pesetacoin, e é a última novidade en pagos por internet. Seica é a nova moeda virtual. Nada de collela nas mans, pero para mercar por rede, disque serve.
Que queren que lles diga. Eu sonlles de tocar, apalpar, apertar, bicar, apreixar... sentir o tacto. E podo dicirlles que sempre me gustou máis tocar unha peseta ca un céntimo. Moito máis fermosas as nosas louras, e non o anaquiño de euro que tanto se lixa.
Ai, aqueles tempos nos que contabilizabamos as pesetas, e as distribuíamos para mercar lambonadas. Ou para xogar ao chinchimoni e facelas bailar enriba dun mesado.
Unha vez, nun taller de xoiaría, a miña irmá e a min deixáronnos meter unha peseta por unha máquina de rolos. Saíu polo outro extremo fina coma unha folla de papel. Alongada. Coma un ovoide moi estricado. Gardamos aquela peseta especial ata o día de hoxe, coma un tesouro.
Con nove anos, miña irmá levouna a clase, e ensinouna. A profesora negou que aquilo fose unha moeda, e tanto feriu o orgullo da nena que tivo que mediar miña nai, pois negábase a volver a clase mentres a tomasen por mentireira. Que a xente non crea a verdade doe, aínda que sexas un pequerrecho.
Cousa de nenos. E das pesetas. Dan ganas de escribila con maiúscula.
Pero o pesetacoin... nin me parece unha peseta, nin unha coin. A combinatoria dos termos antóllaseme simple, e débil. Xa nin contar os cartos é o mesmo... ou igual é que me fago maior e adaptarse ás modernidades non é sinxelo.