Un observador externo da traxectoria de Anova, e vistos os resultados desta última asemblea, diría que Beiras é o principio e a fin de todas as cousas na organización. Mais unha vez foi a súa ameaza de retirarse, de rematar o que chama o seu epílogo cun Waterloo autoinflixido, o que determinou a posición da asemblea. Xa o fixera antes, cando cunha soa declaración, despois dun longo silencio, decantou a decisión dos militantes en referendo a prol da candidatura con IU nas últimas europeas. E antes e antes e antes. Tamén é o único que se atreve a falar do postbeirismo coa lóxica de quen ten dereito a retirarse por máis que non vaia facelo. A asemblea do domingo certifica de novo que ninguén máis se atreve a afrontar en Anova ese inapelable futuro. Todo ven indicar que Beiras é Anova pero tamén é AGE. El foi a principal razón do éxito electoral da coalición e mesmo a razón do agrupamento de forzas tan diferentes e sen significado electoral -IU, FPG ou Afoga- por mor das expectativas das sondaxes, que aínda minusvaloraron a dimensión do seu éxito electoral. Polo que se vai vendo a única razón.
¡Beiras é moito Beiras! Mágoa non haxa 20 ou 30 coma el. Dende a súa creación Anova puido ter evolucionado para ser algo máis que Beiras pero non o fixo. Non puido, non quixo ou non soubo. Foi incapaz de agrupar en torno a ela ou a AGE todas as ansias de cambio -ruptura na súa propia expresión-, revolta, inconformismo cun sistema de partidos esgotado e, sobre todo, da vontade de participación política cidadá que evidenciou o seu éxito nas autonómicas ou o de Podemos nas europeas. A dificultade para convocar á cidadanía denota a pervivencia das vellas formas de facer política da transición -neste caso as dos eternos derrotados- baseadas en conspiracións internas, manobras orgánicas e vangardas confiadas na razón absoluta e polo tanto capaces de escindirse a prol da unidade. Ao que se engade agora a verosímil aspiración dalgúns de non seguiren sendo excluídos do sistema como nos últimos trinta anos.
Non hai democracia sen participación das masas, entendidas como cidadáns. A revolución é un mito do pasado e os electores toman decisións por razóns pragmáticas e non só ideolóxicas. Nas votacións da II Asemblea de Anova non pasaron de 500 persoas e iso está cheo de significado. Esa incapacidade de agrupar pode ser letal xa nas inmediatas municipais, porque Beiras non pode ser clonado e a estratexia de diluírense en candidaturas abertas iguálaos a Podemos. Precisamente este Beiras proteico foi o inspirador de Pablo Iglesias para irromper no sistema electoral tal e como o fixo. Así o ten explicado e así se conta nun recente libro de Anxo Lugilde: De Beiras a Podemos. Pero as diferenzas entre ambos movementos son evidentes, entre outras, que se Pablo Iglesias é o líder da marca Podemos, en Anova a marca é o líder. Volvendo á terra, a asemblea de Anova deu conta dos problemas inmediatos que o nacionalismo e a esquerda van afrontar en Galicia no inmediato futuro: unha previsible vitoria electoral do PP nas municipais, a ausencia do galeguismo nas Cortes despois das próximas xerais e a continuidade de Feijoo na presidencia da Xunta.