Avós biosaudables

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

13 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

P roliferaron nas nosas cidades unhas zonas de columpios para maiores que teoricamente son aparellos ximnásticos para que fagan aí todo o que tentan evitar a partir de que os ósos comezan a renxer e o corazón a queixarse. Só unha vez vin un señor empregando eses columpios, porque normalmente están cheos de rapaces que o pasan en grande sentíndose nun país de xigantes e que son, en realidade, os verdadeiros usuarios da área biosaudable da cidade. Non sei se quen inventou eses espazos saberá o que é ser avó neste país no que debemos de ter a xeración de maiores máis biosaudable de Europa, co seu ritmo frenético de recibiren antes de que amenza nenos cuxos pais non poden pagar garderías con horarios postos por alguén que vive no País de Endexamais, de faceren xantares para seis ou sete persoas que non poden xantar de bar, de dar merendas, bañar bebés, xogar á pelota, correr detrás das pombas, preocuparse en pediatras. O que as inventou, desde logo, non sabe que esas áreas son salas de tortura nas que os maiores botan o fígado erguendo os tres nenos que caben, e por iso queren usar o bambán biosaudable. Verifiquen: nestas tardes aínda longas verán neles avós arfantes, que botan as mans ao peito e que secan a suor cun pano, que, sen forzas xa para berrar, só lles bisban ordes aos seus netos. Velaí os nenos, tan útiles, a garantir a biosaúde dos vellos neste país que só os atende cando lle convén non perdelos de vista porque adoitan crerse heroes e votan. Despois serán os mortos máis sanos do cemiterio, e por iso algúns, mesmo seguen votando.