A moeda de Hong Kong

Miguel Murado
Miguel-Anxo Murado LIBRO DE HORAS

OPINIÓN

Cando en 1997 Hong Kong deixou de ser unha colonia británica para volver a China, na cerimonia de arriado da Union Jack, xusto no momento en que a banda empezaba a tocar o God Save the Queen, abriuse o ceo e caeu un monzón tropical. Vendo estes días as manifestacións na cidade, cos paraugas despregados, pensei por un momento que non escampara desde aquela.

Os medios falan en tons épicos desa «revolución dos paraugas» e está ben porque protestar en China sempre merece un respecto. Mesmo en Hong Kong, onde, a diferenza do resto do país, as protestas son legais. Pero, como explica o sinólogo Martin Jacques, a cousa é máis complexa que unha simple loita pola democracia. Isto pode ser así para os estudantes que acampan no distrito financeiro. Para a masa dos hongkoneses, en cambio, a protesta ten un cariz que poderiamos chamar identitario. Desde que volveu a China, Hong Kong está en decadencia. Shanghai, Chengdu, Shenzhen.. estana a deixar atrás, e Hong Kong, ebria de singularidade, non se resigna a ser unha cidade chinesa máis. Mira atrás e contempla os tempos dourados da colonia británico, na que tampouco había democracia pero o seu porto era unha lenda.

Lémbrome daquel Hong Kong colonial que coñecín hai vinte anos. Era unha cidade fascinante: rica e miserable, moderna e vella á vez, exótica -aínda que o que tiña de exótica era o que tiña de británica. Aterrar no aeroporto de Kai Tak era xa toda unha experiencia: unha á do avión rozaba o monte, a outra os tendedeiros das colmeas humanas de Kowloon, e a pista remataba abruptamente na baía de Victoria. Non había espazo para máis. Esa claustrofobia era parte da identidade de Hong Kong. E non só era escaso o espazo senón tamén o tempo. A cidade sabíase rodeada e a piques de ser entregada para aplacar a fame dun xigante, como nunha fábula infantil, e apuraba eses últimos anos coa ansia dun drogadicto -despois de todo, Hong Kong nacera para vender opio. Nos pubs de Lan Kwai Fong, xunto ao retrato da raíña Isabel, colgaban carteis que dicían «Aberto ata o 1 de xullo de 1997». Os taxistas, a maioría simpatizantes pro-Pequín, baixaban a xanela sen deterse para berrarnos «gueilo! gueilo», que quere dicir ?diaño estranxeiro?. A unha anciá que vendía herbas medicinais preto de Cat Street compreille eu unha moeda antiga, unha desas moedas chinesas furadas no centro e case do tamaño dunha man. Contoume que xa tiña seleccionada unha herba velenosa para matarse cando entrasen as tropas chinesas. No mundo de Suzie Wong, en cambio, eran menos melodramáticos: as camareiras do Bottom?s Up, o famoso local de alterne de Wan Chai, mostrábanse indiferentes. «Aos comunistas gústalles beber e gústanlles as mulleres. Que vai cambiar?», dicían.

E así foi. Nada cambiou. Esa é a irónica traxedia de Hong Kong. O seu problema non é que China queira transformar a Hong Kong, senón que toda China se transformou en Hong Kong e volveuno redundante. As manifestacións destes días hai que velas, en parte, como unha protesta non contra a opresión senón contra a suplantación.

Por certo que aquela moeda que comprara no rastro lla mostrei un día a unha amiga. Mentres a admiraba conteille o que me dixera a anciá que ma vendera: que as sacaban os ladróns de tumbas antigas no interior de China e por iso viñan manchadas de terra. A rapaza deixou caer a moeda e palideceu. Era supersticiosa. Tamén inxenua. Eu sempre pensara que a moeda era falsa e a historia un conto fermoso para vendela mellor. Así era o Hong Kong daqueles anos.