Cuarto e metade

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

02 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Antigamente ías á carnicería e pedías así: cuarto e metade de croca. Practicando na carnicería as sumas de fraccións de distinto denominador, sentíaste Pitágoras, si, pero era insoportable. Eu non aturaba non saber canta carne cabía en cuarto e metade de croca e acababa coa cabeza coma un bombo. ¿Cuarto e metade será cuarto de quilo e metade doutro cuarto, ou metade dun quilo que quedaba solto e que pedimos á parte? ¿O idioma dos carniceiros deterá as matemáticas no denominador 4? Volvía para a casa fraccionándoo todo, mirando o mundo con números cunha raia no medio para todo. ¿E se os Reis me deixan cuarto e metade dos xoguetes que lles pido? ¿Sería moito ofrecer facer cuarto e medio dos deberes? Entón entraba en pánico: ¿sería que aos mestres lles dera por ensinarnos só un cuarto das matemáticas que tiñamos que saber? Quizais por iso son de Letras. Nunca levei ben as fraccións. Son unha moza de enteiros e vivía contenta ata agora, cando comprobo que, a pesar de que as básculas electrónicas nos trouxeron a forma exacta de pedir do tipo «725 gramos de croca», hai quen aínda se empecina en seguir con esa forma antiga de contar. Demostroumo a actualidade, que redescubriu en min a faceta de incomprensión matemática: ¿se me quitaron unha paga extra enteira, por que só me devolven un cuarto dela, e en dúas fraccións?