Arrancadas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Ás veces teño «arrancadas» das que me arrepinto. Aínda que teña razón, a incomodidade da situación faime tremer as pernas.

E non quero que se xeneralice que a xuventude de hoxe sexa nin mellor nin peor ca outra, pero é certo que como sociedade, todos perdemos moito sentido de comunidade.

Crucei cun grupo de adolescentes: dúas rapazas e un rapaz.

Ían discutindo pola rúa, en plan broma, despois de vir mercar algunhas cousas na papelería. Tirábanse os papeis entre eles, e arrebolaron tamén o recheo dun estoxo.

Esa esponxa caeu ao chan. Deixárona alí, aos meus pés, lixando a beirarrúa. Aviseinos, cun: «Non iredes deixar iso aí, non?».

Unha das rapazas miroume coma se o lixo fose precisamente eu, e os tres deron volta, entre gargalladas descaradas para entrar na tenda xusto á miña beira. Deume tanta coraxe, e non polo incivismo de encher as rúas con refugallos, senón polo descaro co que fixeron caso omiso á miña advertencia, que me agachei a recoller a devandita esponxa.

Miña nai mirábame, temerosa de que non a fose levar á papeleira, tal como aconteceu.

Seguín lixeira os seus pasos, coa sorte de que falaban co dependente preguntando por algo para mercar. A mesma rapaza que me mirara con superioridade, deu a volta ao verme achegar. Os outros dous, ao estaren de costas, non puideron fuxir. Así que achegueime a eles e, amosándolles o lixo que deixaran na rúa, díxenlles:

-Caéusevos isto.

Responderon o «grazas» máis irónico que escoitei nunca.

Sorrín, pois hai arrancadas que funcionan.