Se o festival de rock de Monforte e o conseguinte vídeo de sexo oral no parque tivesen coincidido coa votación do referendo de Escocia, probablemente o abuso sufrido pola muller tería pasado inadvertido e mesmo impune. Por fortuna os xornais tiveron espazo para darlle á noticia a importancia que merece.
O vídeo difundiuse vía WhatsApp e a maioría dos medios tiveron o bo gusto de non reproducir ningunha escena do espectáculo. Tamén destacaron elementos dese vídeo que alertarán a xuíza que instrúe o caso da falsidade da declaración do agresor de que se tratou dunha relación consentida: a muller está núa e case inconsciente, ata o punto de que non reacciona cando a luz do móbil que está a gravar a escena lle ilumina a cara nun primeiro plano.
A finalidade da agresión parece ser a gravación e difusión dos feitos: hai testemuñas que rin a graza e nun momento dado o tipo que está sobre a muller, en calzóns e cunha mochila ao ombro, dille ao que grava o vídeo: «Xa está, ¿non?». Iso é o que lle interesa: gravar a fazaña.
Que a muller non recorde nada do sucedido fai supoñer que estaba drogada. Por vontade propia ou subministráronlle algo cunha bebida?
De momento deixáronos en liberdade con cargos, acusado un deles dun delito de abuso sexual e o outro de aldraxes con publicidade. Pena que non castiguen tamén aos que coa súa presenza e as súas risas foron partícipes nestes delitos.