Despois das vacacións

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Segundo a Sociedade de Neuroloxía, un 35 % da poboación entre os 25 e os 40 anos sofre, tras as vacacións estivais, a síndrome postvacacional, que ten como síntomas cansazo, insomnio, apatía e fortes dores de cabeza. Nunha equisa televisiva sobre o tema, todos os de franxa de idade deixaron constancia das súas dificultades para reincorporarse ao desagradable mundo da maldición bíblica, xa saben: «gañarás o pan coa suor da túa fronte». E si, ademais do pan, hai que gañar para coche e segunda vivenda, imaxinen o que custa deixar a praia e as festas do pobo, ou o cruceiro polo Polo Norte, que de todo hai.

O 65 % restante da poboación estivo representado por un mozo novo -sen dúbida un parado- que dixo: «Deberían de estar contentos de ter un traballo ao que volver» E por unha muller de idade avanzada que afirmou: «Antes non había iso. Eu nunca o escoitei» Na xeración dos meus pais, non se falaba diso, dende logo. Eles viviron a guerra civil e unha postguerra miserenta. Sabían o que era pasalo mal. Sen dúbida, sufrían a volta ao durísimo traballo cotiá, pero estaban afeitos a aguantar e non manifestaban a súa queixa.

Á volta das vacacións, eu recordo sempre o ton melancólico das palabras da miña nai nos atardeceres de final de agosto: «Os días son cada vez máis curtos». Iso, e a palmada garimosa do meu pai, era todo.