Espazo lector

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

07 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Vimos de inaugurar unha nova librería, esta vez en Pontevedra. Certo que nos últimos tempos a tendencia é a contraria: pechan vellos establecementos libreiros, algúns con importante tradición, coma a librería Nós da Coruña, con máis de corenta anos de historia, ou a de Pepe Couceiro, na mesma cidade, por citar as últimas. Antes cerraron outras. A tendencia é esta, repito. Pero igual que cerran unhas tamén abren outras, e esta é a celebración. No local que vimos de inaugurar, antes había un banco. Non deixa de ser estimulante que no lugar onde ata hai pouco estaban as instalacións dunha sucursal bancaria, xurda de súpeto un espazo para os libros: Espazo lector, en Pontevedra.

Na marea da pasada semana falabamos de librerías diferentes en distintas cidades do mundo, segundo a clasificación de notables que no seu día fixo o xornal británico The Guardian: a Selexyz Domicanen de Maastricht, no interior dunha antiga igrexa gótica; a Grand Splendid de Buenos Aires, construída no que antes foi un magnífico teatro; a Lello e Irmâo, na cidade de Porto? Marcos espectaculares para acoller o universo dos libros, que impresionan aos visitantes. O espazo pontevedrés é outra cousa: territorio doméstico para o encontro cos libros e a lectura. Tampouco é a única, afortunadamente. Malia a crise, que é unha realidade obxectiva que está a afectar gravemente ó mundo da cultura, xorden outras iniciativas: Biblos en Betanzos (onde vén de pechar, non obstante, a librería Carricanta), as Cronopias de Pontevedra e Santiago, a librería Lenda de Bertamiráns, A Pobra do Caramiñal, Santa Comba? Os lectores están aí, seguimos aquí, malia a crise, insisto, e as librerías, moi fundamentalmente estas iniciativas aparentemente menores e domésticas (nada que ver coa escenografía espectacular que comentábamos a semana pasada), seguen a ser a gran rede capilar da cultura, tecido de distribución que intenta chegar a todos, moi principalmente a todas as lectoras, que seica son as primeiras consumidoras (gozadoras) dos libros.

Non se trata de cerrar os ollos. A realidade é difícil, e os establecementos libreiros, de toda a cadea de valor e distribución do libro son, sen dúbida, os que máis duramente están a sufrir as transformacións do sector e os que máis dificultades teñen no proceso de financiamento, difusión e comercialización do que vén ser unha das bases primeiras do discurso e a industria do coñecemento. Algo semellante sucedeu coa industria da música. ¿Onde van os vellos establecementos de oferta do produto musical? E outrosí, na industria do cine, coas salas de exhibición ameazadas de supervivencia mesmo nas grandes cidades. Cada vez é máis urxente unha política cultural de estimulo e dotación de recursos (financeiros, tecnolóxicos) para afrontar o que de feito é un dos grandes desafíos do noso tempo, onde a cultura (e os produtos culturais) convertéronse en mercadoría masiva de consumo, rotación rápida, produtos de usar e tirar. Mais aquí están: o pulo que non se abaixa. E a noticia ben merece o noso aplauso.